Novas

En Marea pide a Fomento unha mellora na información polo peche do tráfico ferroviario entre Vigo e Ourense

DJ_sQhTXUAAoPGY

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, quere saber durante canto tempo vai estar interrumpida a liña, se había problemas previos na zona da incidencia  e se se levan a cabo revisións das trincheiras nesta conexión.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/21f6b853-e07a-436a-a12e-b383c69a19d7/79885_PREGUNTA_CORTE_TRÁFICO_FERROVIARIO_VIGO_OURENSE.pdf

Madrid, 16 de marzo 2018.  A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, dirixiu unha serie de preguntas ao Ministerio de Fomento con motivo da interrupción da circulación de trens na liña ferroviaria entre Vigo e Ourense desde o luns 12 de marzo.

Alexandra Fernández alude ao problema ocorrido no tramo entre Arbo e Frieira que segundo información de Adif débese ao temporal de choivas que provocou un socavón e que afectou á vía. Parece ser que o peche do tráfico ferroviario pode durar máis de dez días pero a deputada de En Marea pide a Fomento cumprida información, actualizada e transparente.

Información á hora de adquirir os billetes

Polo de agora, Renfe adoptou un plan alternativo que consiste no traslado por estrada dos viaxeiros e viaxeiras con transbordos totais ou parciais ou desvíos por Santiago. Afecta á persoas con trens a Ourense, Monforte, Vigo, Madrid, Barcelona, Bilbao, León ou Ponferrada. Considera Fernández que Fomento está a dar unha información moi escueta e cre que debería actualizala e facela máis visbíbel, especialmente á hora de que os usuarios e usuarias merquen o billete, informándolles puntualmente tanto nas taquillas como nas compras online.

De feito, subliña, “á hora de adquirir o billete na web só aparece un pequeno sinal bermello no percorrido elexido pero non hai información na portada. Un sinal que para saber o que significa hai que pulsalo”. Para a deputada de En Marea “trátase dunha información moi pouco visíbel que de seguro pasa inadvertida para moitas persoas. Sería desexábel que Adif e Renfe ofrecesen unha información máis transparente”.

Alexandra Fernández tamén quere que Fomento concrete durante canto tempo vai estar interrumpido o tráfico ferroviario nesta liña, se había problemas previos como certa inestabilidade do terreno ou trincheiras inestábeis na zona do socavón. “Cal foi a última revisión que se fixo das trincheiras  no tramo afectado? Produciuse a incidencia a raíz do temporal ou había problemas con anterioridade?”, son algunhas das cuestións que formula ao Ministerio.