Novas

En Marea pide que se primen os intereses de Lugo e se deixe “fóra de disputas de campaña electoral a estación intermodal”

photo5927014784006467413

Fernán Vello apela a “non xogar cunha infraestrutura importante para a cidade” e dirixe diversas preguntas ao Ministerio para coñecer a súa posición  perante a oposición da Xunta.

Madrid, 21 de febreiro 2019. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixiu con carácter urxente unhas preguntas ao Ministerio de Fomento para preguntarlle sobre a súa posición en relación á oposición da Xunta á proposta de Convenio para a Estación Intermodal de Lugo.

“A pesar de estar en tempos de desconto da lexislatura, segue a funcionar un Goberno en funcións e dada a polémica suscitada cunha infraestrutura fundamental para Lugo, desde En Marea consideramos que debe informarse sobre o tema con luz e taquígrafos. Razón pola que demandamos a Ábalos copia da proposta enviada por Fomento á Xunta para a construción da Estación Intermodal e pedimos que se diaologue”, sinala o deputado. 

“Non se debe xogar cos intereses de Lugo”

“Explicoulle a Xunta cais son as súa razóns para rexeitar por completo a proposta remitida? Transmitiulle os motivos da súa oposición?”, pregunta a Ábalos.

Para o deputado de En Marea é “unha irresponsabilidade introducir as disputas eleitorais en todo e incluso xogar con dotacións de relevante importancia para Lugo. Non se están a priorizar os intereses de lugueses e luguesas, estáse a “traficar” coa Estación Intermodal en tempos de campaña eleitoral”.

En Marea conminou ás administracións competentes a “sentar, dialogar e acadar un acordo de Protocolo polo ben do futuro da cidade. É a mellor forma de demostrar que se está no lado das políticas construtivas”.

Ademais, lembrou que o impulso da Estación Intermodal así como o arranxo e acondicionamento da praza de Conde de Fontao foron obxecto de interese constante de En Marea ao longo la lexislatura.

“Foi unha das nosas prioridades na entrevista que mantivemos hai uns meses coa Presidenta de Adif: pedímoslle axilización e compromiso coa rehabilitación de todo o entorno da estación de tren dado o estado no que se atopa a praza e axilización para a Estación Intermodal”, concluíu o deputado.