Novas

En Marea pide suspender a exportación de armas con Israel e convocar ao Embaixador “de xeito urxente”

photo5837120530090667520

Madrid, 19 de xuño de 2018. Os deputados e deputadas de En Marea e o Grupo Confederal rexistraron unha Proposición non de Lei sobre as obrigas no comercio de armas e violacións de DDHH ante a matanza de manifestantes pacíficos en Gaza.

“Rexistramos esta iniciativa para o seu debate e aprobación na Comisión de Asuntos Exteriores, para que se suspenda a exportación de armas con Israel e se convoque de xeito urxente ao Embaixador en España, entre outras cuestións”, asegura o deputado Antón Gómez-Reino.

A iniciativa contempla voltar suspender a exportación de armas e acordos de seguridade con Israel, no marco da lei española de comercio de armas 53/2007, para evitar violacións de dereitos humanos castigadas pola lexislación española, europea e internacional sobre comercio de armas.

En Marea quere tamén que o Congreso inste ao Goberno a “expresar á Autoridade Palestina, a máis profunda consternación e repulsa pola masacre así como solidariedade coas vítimas e as súas familias; e condenar ante o Estado de Israel a matanza de manifestantes palestinos pacíficos, como unha gravísima violación dos máis básicos dereitos humanos, e esixir que esta violencia cese inmediatamente”.

Ademais, pídese convocar “de xeito urxente” ao Embaixador de Israel en España e tomar todas as medidas diplomáticas necesarias.

“Queremos dar apoio e poñer todos os medios necesarios dispoñibles para unha investigación independente e transparente que permita que os responsables sexan xulgados ante a Corte Penal Internacional, ou outros Tribunais Internacionais, e as súas vítimas reparadas”, insistiu Gómez-Reino.

O grupo manterá ademais este martes unha xuntanza con Raji Sourani, director do Palestinian Center of Human Rights de Gaza, premio Rights Livelihood Award, experto en xustiza universal e Gaza, e con integrantes da campaña Rumbo a Gaza, como Sandra Barrilaro, Santi González e Lucía Mazarrasa.