Novas

En Marea pregunta ao Goberno pola futuro da plantilla de Vestas en Viveiro

A deputada Yolanda Díaz intercede ante o Goberno tras o peche da factoría que a multinacional danesa ten en León, preguntándolle ao Goberno se ten pensado intervir antes de que se leve a cabo o ERTE previsto

En Marea ten solicitada unha entrevista coa Ministra de Industria para falar do futuro industrial no noso país

Preguntas ao Goberno:
https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/1d646e54-b933-4388-9abb-f57917f4078d/20180829122742102.pdf

 
Madrid, 31 de agosto de 2018. A deputada de En Marea Yolanda Díaz vén de presentar unha batería de preguntas escritas ao Goberno de Sánchez para interceder polos traballadores de Vestas Eólica.

A multinacional danesa posúe dúas factorías no Estado, unha en Viveiro e outra en Villadangos del Páramo, na provincia de León. Sobre esta última acaba de presentar un expediente de regulación temporal do emprego (ERTE) para o totalidade da plantilla, 370 traballadores, que se suman aos 180 despedidos en xullo.

Na factoría de Viveiro traballan neste momento 210 operarios, e todo apunta a que podería correr a mesma sorte, pois nela prodúcense gran parte dos xeradores eólicos destinado á factoría leonesa. A deputada de En Marea sinalou que o Goberno debe interceder nesta situación antes de que se faga irreversible, e aínda que polo momento non chegan novas a Viveiro sobre o futuro da empresa, a plantilla traballa coa incertidume do peche da factoría.

Díaz solicítalle ao Goberno que se reúna coa multinacional antes de que o ERTE na planta leonesa teña lugar, así como que averigüe as intencións da empresa para a factoría de Viveiro e cales son os seus plans para manter os devanditos postos de traballo.

A deputada de En Marea, e portavoz de Industria do Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea, ten solicitada unha reunión coa Ministra de Industria, Reyes Maroto, para coñecer o planeamento industrial que ten previsto desenvolver o Goberno, xa que ata o de agora non contabamos cunha política industrial, tal e como vén denunciando Yolanda Díaz.

Nesta xuntanza, a parlamentaria galega demandará información sobre o “esperado” plan industrial de Navantia, que a día de hoxe segue sen concretarse, a pesares das promesas e negociacións do anterior executivo. Pero tamén quere coñecer se o departamento de Reyes Maroto ten previsto adoptar medidas urxentes para evitar o peche do estaleiro La Naval en Sestao, interceder ante a posible deslocalización de empresas como Vestas ou ABB, e se existen propostas serias sobre unha política enerxética que ofrezan un futuro estable ás empresas electrointensivas como Alcoa. Desde o Ministerio ainda non se recibiu resposta.