Novas

En Marea pregunta ao Goberno pola reanudación da extracción de cobre na mina de Touro

photo6035313513951505003

“Estamos esixindo a inmediata paralización da mina en Touro. Poñémonos do lado do sentido común e da defensa do medio ambiente”, asegura a voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz.

O deputado e voceiro na Comisión de Agricultura e Medio Ambiente no Congreso, Antón Gómez-Reino, insistiu en que a ministra Tejerina e o Goberno deberán posicionarse sobre as graves consecuencias desta mina.

Madrid, 10 de novembro de 2017. En Marea rexistrou varias preguntas no Congreso para coñecer a posición e a información coa que conta o Goberno sobre a pretensión de reanudar a extracción de cobre na mina de Touro ou se contempla a posibilidade de suspender os traballos conforme ao artigo116.1 da Lei de Minas, 22/1973.

Os deputados Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz preguntan ao Executivo pola súa posición e por se dispón de información exhaustiva sobre a actividade mineira, polas garantías sobre a suposta creación de emprego ou polos seus efectos no medio ambiente.

En concreto, pregúntase polo nivel de toxicidade das minas e os riscos concretos que pode presentar ao liberarse ao medio ambiente.

Ademais, o Goberno deberá responder sobre o impacto que esta reapertura podería ter, non só nos terreos próximos á explotación, senon nos acuíferos, na desembocadura da Ría de Arousa e outras zonas protexidas, afectando tamén a varias especies da zona.

Díaz e Gómez-Reino tamén preguntan ao Goberno se recibiu queixas desde Canadá polo presunto intento de mordidas denunciado pola mineira candiense Edgewater na paralización por parte da Xunta do seu proxecto mineiro.

En Marea considera que resulta “contraditorio” proxectos como este coa suposta intención do Goberno de loitar contra o éxodo rural e garantir a igualdade de oportunidades.

“Este tipo de proxectos só demostrarn o contrario, veñen a empeorar as condicións  de vida e impedirlles realizar as actividades económicas que representan o seu medio de vida”, sinalan os deputados.

En Marea está tamén a traballar nunha Proposición non de lei sobre os intereses medioambientais e dos veciños e veciñas de Touro, así como para establecer unha partida nos Orzamentos para garantir que se solvente os danos que se están ocasionando, sen prexuízo de que estos sexan reclamados ao responsable dos mesmos.

Download (PDF, 2.83MB)