Novas

En Marea pregunta ao Goberno polos efectivos enviados para combater os lumes en Lugo

foto-miguel-anxo

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixe unha serie de preguntas ao Goberno ao que reprochou a tardanza en mandar efectivos a zonas que levaban días con lumes 

Madrid, 17 de outubro de 2017. O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou hoxe no Congreso unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno para coñecer cantos efectivos e cantos medios enviou para combater os grandes lumes no territorio de Lugo, algúns deles activos durante días.

O deputado de En Marea traslada ao Executivo a queixa de centos de veciños e veciñas da zona dos Ancares e doutras de Lugo pola falla de medios e por  ter que enfrontarse cos seus propios medios aos lumes. Preguntase Fernán Vello se os efectivos estatais non acudiron demasiado tarde porque “O Courel, unha das xoias medioambientais danadas, leva con lumes desde a semana pasada cando se iniciou en Folgoso do Courel e mantívose activo durante días”.

Sabemos polas informacións de medios que chegaron efectivos da UME onte á tarde aos Ancares. “En qué momento chegaron os medios estatais a Lugo para loitar contra os grandes lumes dos Ancares, de Chantada, de Monforte de Lemos, de Pantón, de Triacastela, de Cervantes, ou da Fonsagrada, entre outros municipios?”. Fernán Vello tamén quer saber se houbo un dispositivo coordenado coa Xunta e cos concellos ou “foi todo froito da improvisación. Cal foi o plan, se é que o houbo, desplegado para combater o lume en moitos municipios de Lugo?”.

“Non cre o Goberno que se produciu unha total improvisación que xerou en caos? Dado que hai moita traxectoria en Galiza de grandes lumes, cómo se explica que non se conte cun plan de actuación? Cantas hectáreas foron queimadas no territorio de Lugo? Cal é o balanzo dos danos?”, son algunhas das preguntas que formula ao Executivo.

Moito que cambiar

O deputado de En Marea amosa a “profunda preocupación e dor ao ver tanta destrución e a perda de vidas humanas”, e pón de manifesto que “ao igual que sucedeu co Prestige son moitos os factores que contribuiron a desencadear semallante vaga de lumes. Rajoy e Feijoó simplifican todo a “unha suposta trama” e ao clima, máis, estamos ante unha catástrofe produto dun cúmulo de factores interrelacionados sobre os que hai que actuar dunha vez por todas”. Refírese

Miguel Anxo Fernán Vello á seca, “un dos rostros do cambio climático, á nefasta política forestal, o monocultivo do eucalipto, o abandono do monte, a desidia en relación á investigación sobre os incendiarios, o recorte dos medios de prevención e a merma das medios humanos e materiais nun contexto de estacións veraniegas que se prolongan”.
Para Fernán Vello, “hai deficiencias, fallos e carencias que indican responsabilidades políticas” así como a aposta por unha política forestal errática.
O parlamentar de En Marea tamén pregunta polo reconto de infraestruturas danadas, e propiedades privadas, e quer saber qué medidas vai adoptar o Goberno pola vaga de lumes de Galiza”.
INICIATIVA:
https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/590172d6-ba30-4975-93f9-de4f59f4ac2d/PREGUNTA_LUMES_LUGO.pdf