Fernán Vello alerta ao Executivo de Sánchez sobre os pésimos dados do INE respecto á desaparición de pobos en Galicia e a sangría demográfica: Elaborou unha estratexia como figura entre as súas funcións?”
Madrid, 29 de xaneiro 2019. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixiu varias iniciativas ao Goberno para preguntar sobre as medidas que está a tomar o Comisionado fronte ao Reto Demográfico en relación ao grave despoboamento e caída demográfica que afecta a Galicia e que ten unha evolución a peor.
Alarma vermella que debe levar á adopción de medidas
Fernán Vello alude aos últimos dados do INE publicados recentemente que desvela que no territorio galego desapareceron 166 poboacións. Ademais, 49 municipios teñen algún núcleo deshabitado, e máis de 1.100 están habitados por menos de dez persoas. Menciona a situación de Lugo e de Ourense onde o número de núcleos despoboados é superior.
Neste sentido, destaca que hai un ano creouse vía Real Decreto o Comisionado do Goberno fronte ao Reto Demográfico e que entre os seus cometidos ten o de elaborar unha estratexia que recolla propostas, medidas e actuacións para acadar o equilibrio piramidal. Impulsar actuacións, e facer informes en coordinación con outros organismos públicos como son as CC.AA. Pois ben, “Está o Comisionado a abordar en coordenación coa Xunta o grave problema demográfico que padece Galicia? Que dados posúe en relación á situación do territorio galego? Fixo algunha análise?”, son algunhas das cuestións que plantexa.
Políticas transversais e frear a emigración económica da mocidade
O deputado de En Marea demanda políticas transversais que actúen en diversos ámbitos e eidos como o emprego, a vivenda, a conciliación, a economía, o agro ou a pesca para impulsar á fixación de poboación.
Ademais, pide que se analice a emigración económica “sangrante” de moitos mozos e mozas a outras partes do Estado e ao estranxeiro debido á falta de oportunidades laborais en Galicia: “Unha maneira de facer que se queden a vivir e traballar na terra é ofrecerlles vías laborais dignas”, enfatizou Fernán Vello.
Neste sentido, critica “o deixamento e desidia de Feijoó que nada fai por evitar a emigración económica de galegos e galegas”.
Noutra iniciativa parlamentar, Fernán Vello interésase polos municipios galegos que se puideron beneficiar da concesión directa de subvencións a entidades locais para o financiamento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo dirixidos a enfrontar o repto demográfico en municipios de menor poboación. Nesta cuestión, introduce unha crítica porque non se ten en conta criterios como a alta dispersión de poboación de Galicia dado que o criterio de municipios entre 10.000 e 5.000 habitantes fica curto en casos como o galego.