Novas

En Marea pregunta ao Ministro de pesca polo peche da pesquería da sardiña, que perxudica á frota galega de cerco e de xeito, entre outras

4c7a04f6-ed99-470a-942d-2ac56260e7da

Alexandra Fernández insiste en que se pecha a pesca dunha especie en plena tempada alta e de revalorización do seu prezo, e quer saber cais son as conclusións dos estudos científicos

Madrid, 16 de xullo 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou unha batería de preguntas dirixidas ao Ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, sobre o peche da pesquería da sardiña en augas ibéricas que afecta negativamente á frota do cerco, á frota que pesca coas artes do xeito, do racú e coa piobarderia.

Alexandra Fernández alude á Resolución da Direción Xeral de Ordenación pesqueira e acuicultura pola que se establece o peche da pesquería da sardiña en augas ibéricas na zonas CIEM VIIIc e IXa. Un peche decretado desde a medianoite do 13 de xullo, e tan “so dúas semanas após da súa reapertura e unha vez esgotada a escasa cota”. A deputada de En Marea traslada ao Ministerio a preocupación das frotas afectadas (cerco, xeito, racú e piobardeira) posto que a decisión se produce en plena tempada alta de consumo desta especie e cando os seus prezos se estaban a revalorizar.

As frotas afectadas non teñen alternativa

Pregunta ao Ministro que “medidas de compensación existen para as frotas afectadas e se prevé abrir nun periodo breve de tempo a pesquería da sardiña aludida”. Asemade, quer coñecer se se fixeron estudos científicos recentes sobre a evolución do stock da sardiña e cais son as conclusións. “Estáse a recuperar a biomasa desta especie? É verdade que se produciu unha melloría do stock?”.

Lembra a parlamentar de En Mare que a frota pediu a Pesca a reapertura dos caladoiros a finais de setembro após de esgotar a cantidade correspondente. “No Plan pactado polo estado español e Portugal, recóllese que o cupo para este ano é de 14.600 toneladas. Portugal conta co 66,5% da cota e o estado español con só o 33,5%. “Non cre que a porcentaxe para o estado español para este ano é un tanto baixo?”.

Fernández pón de manifesto que o sector “carece de alternativas. Cal é alternativa?”. O peche afecta a moitos barcos galegos que viven da pesca.

Download (PDF, 103KB)