Novas

En Marea presenta a PL da modificación da Lei de Memoria Histórica

photo5920248312139721504

 

Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino presentaron este xoves a iniciativa de En Marea que insiste en que “é unha débeda histórica declarar expresamente a nulidade de pleno dereito das sentenzas e resolucións xudiciais e administrativas ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunais ou órganos penais ou administrativos durante a ditadura e posibilitar a plena rehabilitación xurídica das vítimas do franquismo coa anulación das sentenzas que as condenaron inxustamente”.

 

Proposición de Lei: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/9612bbec-85f1-44c5-8388-e900fe97094e/PL_modificacionLeyMemoriaHistorica.pdf

A Coruña, 28 de decembro de 2017. As deputadas de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, acompañados polo historiador Bernardo Maíz e o Presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, Fernando Souto Suárez, presentaron esta mañá na Librería Berbiriana de A Coruña a Proposición de Lei rexistrada no Congreso que reforma a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, a denominada Lei de Memoria Histórica.

“Cubrimos un baleiro lexislativo. A Lei de Memoria Histórica tivo unha eiva de partida, que era que non declaraba a nulidade do réxime franquista, tan só declaraba a ilexitimidade. Isto tivo consecuencias perversas”, asegurou a voceira de En Marea no Congres, Yolanda Díaz, lembrando que a familia de Miguel Hernández e outras familias acudiron ao Tribunal Supremo e Constitucional e ambos declararon que non lle deban a razón “xa que o réxime franquista non estaba vixente”.

Gómez-Reino resalta que na Lei de Memoria Histórica “falta concreción” polo que “cómpre que haxa mecanismos para que esa norma sexa efectiva e este é o propósito da iniciativa que presentamos”.

A iniciativa de En Marea establece que “é unha débeda histórica declarar expresamente a nulidade de pleno dereito das sentenzas e resolucións xudiciais e administrativas ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunais ou órgaos penais ou administrativos durante a dictadura e posibilitar a plena rehabilitación xurídica das vítimas do franquismo coa anulación das sentenzas que as condenaron inxustamente”.

“A Lei de Memoria ten que declarar a nulidade das sentenzas e do réxime franquista. Isto é o que pedimos para chegar á raíz do problema”, insisten os deputados, que denuncian que “a administración pública non está xogando un papel proactivo para a localización dos asasinados e asasinadas polo franquismo”.

Outro dos eixos fundamentais desta modificación normativa é esixir que a tarefa de localización e identificación das personas asasinadas e desaparecidas a partir do 1936 non recaia única ou principalmente sobre a cidadanía senón que, sen perxuízo da súa desexable e valiosa colaboración, é ao Estado ao que lle corresponde realizala de forma activa.

Para iso, indícase no artigo 11 que cada ano dotarase nos Orzamentos Xerais do Estado unha cantidade suficiente para garantir a correcta execución dos plans de traballo para actividades de indagación, localización e identificación das persoas desaparecidas violentamente durante a Guerra Civil ou a represión política posterior, e cuxo paradeiro se ignore.

Na redacción desta Proposición de Lei participou o historiador Bernando Maiz, quen dimensiona na exposición de motivos da iniciativa o número de vítimas en Galicia así como a vulneración da legalidade republicana vixente no ano 36 e o conxunto da lexislación despregada pola ditadura para cometer o seus crimes.

“Agradecemos aos expertos e a Asociación pola recuperación da memoria, por estar sempre defendendo a legalidade e o ben común”, aseguraron os parlamentarios de En Marea.

O historiador destacou que, no caso de Galicia falta un reconto exhaustivo das vítimas, pero “os datos apuntan a que hai 5.000 vítimas mortais, pero os datos máis altos apuntan a 7.000”.