Novas

En Marea presenta varias iniciativas no Congreso para mellorar a seguirdade vial en Mos

photo6044059063798573502

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, insta a Fomento nunha proposición a liberar as peaxes da AP-9 entre Vigo e Tui como a mellor opción para que os conductores non teñan que circular pola perigosa A-55

Mos, 2 de novembro 2017. A deputado de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, mantivo este xoves unha xunta con representantes de GañeMos para abordar toda a problemática que padece o municipio de Mos que está atravesado por varias infraestruturas viarias estatais que causan un enorme impacto tanto acústico como na seguridade vial dos habitantes da zona.

A A-55 entre Vigo e Porriño, o que máis puntos negros ten

A deputada de En Marea explicou que presentou na Cámara Baixa varias iniciativas (preguntas e proposicións non de lei) parlamentares relacionadas con estas cuestións. Así, nunha proposición non de lei insta ao Ministerio de Fomento a abordar a fondo o grave problema de seguridade vial existente na A-55, Vigo-Porriño, o tramo da rede estatal de maior acumulación de puntos negros e cunha elevadísima sinistralidade.

Fernández pide a Fomento que inicie un proceso de negociación coa concesionaria da AP-9 para liberar de peaxes o tramo Vigo-Tui que vai paralelo á A-55 “como solución óptima e eficaz ao trazado sinuoso da autovía A-55”.

“Propoñemos a eliminación das peaxes no tramo Vigo-Tui polos problemas de seguridade viaria na A-55. Fomento no está dando solucións útiles para paliar o número de accidentes. A gran sinistrialidade non se soluciona con radares e multas. A única solución pasa por un trazado alternativo: AP-9”, asegurou a deputada, que detallou que En Marea propón a eliminación de peaxes en toda a AP-9, pero neste tramo “con especial urxencia”.

Fernández resalta que a súa perigosidade non se solventa con actuacións de asfaltado nin con máis radares como fixo o Ministerio. “Foron remendos que non tiveron efecto sobre a sinistralidade neste vial. O problema da A-55 é o seu sinuoso trazado, cheo de curvas pechadas. Unha configuración impropia dunha autovía”. 

Mellorar o cruce do alto de Puxeiros

Noutra das proposicións, a deputada de En Marea traslada a Fomento a necesidade de levar a cabo actuacións para mellorar a seguridade vial no cruce que conforma a antiga estrada Vigo-Madrid coa saída da autoestrada AP-9 no alto de Puxeiros, na confluencia entre o concello de Vigo e o de Mos, “pola súa alta perigosidade”.

Fernández explica que “esta interseción adoece dunha notoria mala visibilidade, factor que supón un risco para a conducción. Ademáis, os coches habitúan a chegar a ese cruce a alta velocidade de aproximación porque proceden da autoestrada”.

A pasarela na A-52 e paneis anti ruido na A-55

Por último, a deputada de En Marea pide explicacións ao Ministerio de Fomento por ter eliminado o proxecto de construción dunha pasarela peoníl para o Camiño Portugués na A-52. “Contaba cunha partida de 200.000 euros nos Orzamentos do Estado para o ano 2016 que non foi executada, e por riba, eliminouse dos Orzamentos para este ano 2017. Por que razón non se prorrogou este proxecto e a súa consignación económica?”. Reclama Alexandra Fernández que Fomento recupere esta sinxela infraestrutura que permitiría aos veciños cruzar á outra marxe con seguridade e tamén o tránsito dos peregrinos.

Ademais, pide que se palíe o impacto acústico que sofren os habitantes de Mos mediante a instalación de paneis anti ruidos na A-55.