Novas

En Marea rexeita o Real Decreto de reforma da estiba por atentar contra un sector estratéxico e precarizar as condicións laborais

photo5933900544294889407
“Esta votación é o resultado de non ter falado e negociado dignamente, porque este Real Decreto atentaba contra un sector estratéxico e non podía saír adiante”, afirmou a portavoz de En Marea en Fomento, Alexandra Fernández.

Madrid, 16 de marzo de 2017. Todos os deputados e deputadas de En Marea votaron este xoves en contra do Real Decreto de Reforma da Estiba por atentar contra un sector estratéxico da actividade portuaria e pola precarización das condicións laborais dos estibadores.

Finalmente, o Real Decreto decaeu dado que a maioría da Cámara dos Deputados votou en contra do Real Decreto, con 142 votos a favor, 175 votos en contra e 33 abstencións.

A portavoz de En Marea en Fomento, Alexandra Fernández, puxo de manifesto a “nosa rotunda oposición a unha normativa cuxo único propósito é a liberalización dun sector fundamental que afecta ao funcionamento dos portos e cuxo obxectivo último é servir aos intereses das grandes multinacionais e supostos inversores que o único que queren é desregular servizos básicos e arrasar cos dereitos laborais para poder encher os seus petos”.

A deputada de En Marea salientou que “o noso rexeitamento débese a unha dupla motivación: tanto polas formas empregadas polo Ministro De la Serna como polo contido”.

“É unha normativa imposta, que non se negociou nin se pactou co sector, sometendo aos traballadores a aparentes exercicios de diálogo cando o Ministro xa tiña o Real Decreto preparado e pechado. Non houbo diálogo sinceiro nin auténtico, só unha farsa das que tanto gosta Fomento”.

O Real Decreto “supón un golpe aos dereitos laborais dos estibadores através do cal o PP fai o de sempre, o que mellor se lle da: precariza o ámbito laboral, instala a temporalidade, abre as portas aos despedimentos, aos salarios de miseria e aos abusos horarios. E para que? Pois para mellor gloria das multinacionais e dos supostos inversores para servir os seus intereses a conta dos traballadores”, apuntou a parlamentar.

Fernández advertiu ao PP que “cun Goberno que está só, sen maioría absoluta, xa toca actuar doutro xeito e abandoar a prepotencia para asumir a vía do diálogo, do consenso e do pacto. Do contrario, non serán quen de aprobar ningunha lei ou norma. Os tempos de Atila pasaron. Asuman que non poden facer o que lles veña en gaña, deben contar co Parlamento, coa sociedade, cos traballadores e coa forzas da oposición para poder gobernar”.

Rematou emprazando a De la Serna a negociar de verdade, “sen paripés nin teatros. O sector da estiba está aberto a falar desde o primeiro momento, e está disposto a dialogar con flexibilidade pero non a costa da desregulación absoluta dos seus dereitos”.