Novas

En Marea rexistra unha Proposición de Lei para acabar co veto do Senado na aprobación dos obxectivos de estabilidade orzamentaria

photo5764671952294882735

 

Madrid, 24 de agosto de 2018. Os Grupos Parlamentarios Socialista, de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, de Esquerra Republicana de Catalunya, así como os deputados de Compromís no Congreso dos Deputados, rexistraron na mañá deste venres unha Proposición de Lei co propósito de acabar coa anormalidade normativa e parlamentaria que supón a capacidade de bloqueo que a vixente Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria outorga ao Senado na fixación dos obxectivos de estabilidade.

“A Proposición de Lei rexistrada no día de hoxe pretende volver á situación anterior á promulgación da Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria impulsada polo Goberno do Partido Popular no ano 2012”, explica o voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e a deputada Yolanda Díaz.

Esta Lei proporciona á maioría do PP no Senado a capacidade anómala de vetar as decisións adoptadas pola maioría dos representantes da cidadanía española no Congreso dos Deputados en torno ás contas públicas.

Coa proposta rexistrada hoxe restitúese a normalidade no procedemento lexislativo que establece a Constitución Española, posibilitando ao Congreso, sede da soberanía popular, adoptar as decisións definitivas, tal e como ocorre co resto da lexislación.

Resulta un contrasentido inaceptable que a Lei de Estabilidade Orzamentaria estableza unhas condicións de apoio parlamentario máis restrictivas que as previstas para a aprobación da propia Lei de Orzamentos Xerais do Estado, en cuxo procedemento non existe o veto senatorial.

“Non resulta lóxico que o PP, con pouco máis do 30% dos votos, manteña unha capacidade de veto e de bloqueo cara ás decisións que poidan adoptar a maioría da representación da cidadanía española no Congreso”, sinalou  Gómez-Reino.

“Con esta reforma legal supérase o veto anormal do Senado e ábrese a posibilidade para establecer uns obxectivos de estabilidade orzamentaria compatibles con mellorar o benestar do conxunto da sociedade”, asegura a deputada Yolanda Díaz.

Ademais, esta reforma posibilita a negociación e posterior aprobación duns orzamentos xerais do Estado, que revirtan os recortes aplicados polos gobernos do PP durante os seis últimos anos e que proporcionen un desenvolvemento máis sólido, máis equitativo e máis xusto para o próximo exercicio orzamentario.

Os Grupos firmantes suscitan a tramitación desta Proposición de Lei mediante o procedemento de urxencia e por lectura única, a fin de dar a maior celeridad posible á súa aprobación. En Marea e o resto de Grupos firmantes contan xa co apoio explícito da maioría dos deputados e deputadas do Congreso.

Download (PDF, 171KB)