Novas

En Marea solicita a comparecencia no Congreso da Presidenta de Portos do Estado

photo_2018-08-14_13-24-45

A deputada Alexandra Fernández rexistra unha petición no Congreso para que a presidenta de Portos do Estado, María Ornella, compareza ante a Comisión de Fomento do Congreso do Deputados para responder sobre o afundimento do peirao de Vigo durante a celebración do Marisquiño

Vigo, 14 de agosto de 2018. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, vén de presentar esta mañán unha solicitude de comparecencia no Congreso do Deputados para que a presidenta de Portos do Estado, María Ornella, aclare a responsabilidade da institución que dirixe no afundimento do peirao ocorrido o pasado domingo durante o concerto de peche do festival O Marisquiño.

“Denunciamos a lamentable imaxe que deron ao longo do día de onte o PP e o PSOE, utilizando as institucións como feudos partidarios”, asegura a deputada viguesa Ante o cambio de versión da Autoridade portuaria, Fernández denuncia que isto “non poden ser nin pactos que oculten as responsabilidades nin guerras partidarias, porque ninguna das dúas permitiría esclarecer o sucedido”.

“Pola contra, desde En Marea queremos apostar por esclarecer os feitos, por políticas de colaboración entre as institucións que axuden a esclarecer o sucedido. Por eso presentamos esta solicitude de comparecencia no Congreso”, anunciou a deputada de En Marea nunha intervención ante os medios no lugar dos feitos.

Esta iniciativa levada a cabo polo grupo parlamentario de En Marea no Congreso do Deputados compleméntase cunha petición para que se investiguen os feitos a nivel municipal, presentada polos compañeiros da Marea de Vigo. “Nós cremos en que todas as institucións se poñan a traballar para esclarecer os feitos, sexan de quen sexan as responsabilidades”, afirma Fernández.

A deputada lembrouse tamén dos feridos que todavía permanecen ingresados. “Desexamos que se recuperen pronto das súas lesións”. “Todo Vigo tivo o corazón nun puño durante a noite do domingo”, recordou Fernández.