O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, pídelle ao Goberno de Sánchez “lealdade” e que non haxa un trato diferente ao dado a Valencia
O concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, insistiu en que a recuperaciòn do Porto “é cuestión de cidade, non de partidismo”
A Coruña, 30 se agosto de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e o concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, presentaron este xoves unha batería de iniciativas rexistradas na Cámara Baixa para esixir ao Goberno a condonación da débeda do Porto da Coruña, tal e como acaba de anunciar Sánchez que fará co de Valencia.
Gómez-Reino cre que non se pode “dar a cuestión de que a Valencia se lle permite e a Galicia non”. “Fai uns meses fixemos presidente do Goberno a Sánchez, agora solicitámoslle que actúe con lealdade e sen condicións con esta demanda ao respecto da débeda do Porto da Coruña”, anunciou o voceiro.
Desde En Marea plantéxaselle ao Goberno que, máis alá da condonación da débeda, se atendan outras peticións do Concello da Coruña con respecto á xestión do Porto. Así, pregúntalle en varias iniciativas ao Goberno se se plantexa a creación do consorcio solicitado desde o Concello e no que participarían o Ministerio de Fomento, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria da Coruña e o propio ente local.
“Non pode ser que sexa a cidadanía da Coruña a que pague os excesos doutros tempos do Goberno do PP e PSOE”, denunciou Gómez-Reino. “Nos próximos meses débese chegar a un acordo sen partidismos. Todo o que ten que ver co porto e a reformulación do modelo urbano é un desfío fundamental como cidade”, sentenciou nunha rolda de prensa dada esta mañán, xunto ao concelleiro Xiao Varela.
Varela, pola súa parte, apuntou á falta de criterio do PP no Concello da Coruña.
“Durante tres anos estiveron mentindo en xuntanzas, co presidente de Portos do Estado e da Autoridade Portuaria, onde decían que a quita da débeda non era posible. Parécennos moi ben o seu cambio de postura pero pedimos que non dificulten o traballo co Goberno”, denunciou o concelleiro, que avanzou que levarán ao próximo pleno unha moción sobre esta cuestión.