Novas

En Marea valora positivamente os acordos acadados co Goberno: pensións indexadas ao IPC e rematar co veto do PP no Senado

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, afirma que se arrincou ao Goberno “o compromiso para rematar co veto que tiña o PP no Senado sobre o teito de gasto e outras cuestións económicas”

Do mesmo xeito, Gómez-Reino anunciou tamén o acordo acadado co Goberno para revalorizar as pensións en conformidade ao IPC no 2018 e no futuro exercicio

 

Tone Rolda2308

 

A Coruña, 23 de agosto de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso dos Deputados, Antón Gómez-Reino, vén de mostrar a súa satisfacción cos acordos acadados co Goberno de Pedro Sánchez para revalorizar as pensións indexadas ao IPC e rematar co veto que o PP conservaba no Senado.

Na reunión mantida onte entre representantes do Ministerio de Facenda e deputados do Grupo Confederal, que rematou a altas horas da noite, conseguíronse arrincar varios compromisos, entre eles o de rematar “co veto que tiña o PP no Senado sobre o teito de gasto e outras cuestións económicas”, aplicado a través do artigo 15 da Lei de Estabilidade Orzamentaria.

Para o voceiro de En Marea, esta ferramenta é “una palanca de bloqueo antidemocrática” da que se dotou o PP “aproveitando que co 30% dos votos ten o 60% das senadoras”.

Do mesmo xeito, Gómez-Reino anunciou tamén o acordo acadado co Goberno socialista para revalorizar as pensións en conformidade ao IPC no 2018 e no futuro exercicio. Tamén valorou a importancia para Galicia destas conversas: “Non é un tema menor para Galicia. Falamos de sanidade, educación, dependencia. Puxemos sobre a mesa a necesidade de abordar estas políticas”, explica o voceiro.

“Hai que retomar o diálogo e a senda do apoio por parte do noso grupo e outros grupos progresistas en relación ao teito de gasto”, apunta Gómez-Reino, quen ve no documento enviado polo Grupo Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea o pasado 15 de agosto ao Goberno o punto de inflexión para retomar estas negociacións.

O límite de gasto imposto aos concellos polo anterior Goberno tamén estivo na mesa de negociación. “Os concellos deben de ter capacidade de inversión para facer políticas públicas e quitarse as sogas do PP”, denuncia Gómez-Reino.

As reunións entre o Grupo Confederal, do que forma parte En Marea, e o Goberno socialista continuarán nas próximas semanas. “Estamos satisfeitos, pero hai que seguir traballando nesta liña”, reclama Gómez-Reino.

Devolución do Pazo de Meirás

O voceiro de En Marea quixo mostrar tamén o seu apoio ao Concello de Sada, que onte solicitou ao Goberno que o decreto ley que ten previsto aprobar para sacar a ditador Franco do Valle dos Caídos sirva tamén para quitarlle a súa familia o Pazo de Meirás.

“Non vale que o Goberno se ampare noutras cuestións, ten que tomar medidas legais para que o Pazo de Meirás sexa devolto a cidadanía de Sada”, apunta Gómez-Reino. “Hai que sacar a Franco do Valle dos Caídos e a familia do ditador do Pazo de Meirás”.