Novas

En resposta a Fernán Vello, Adif desenténdese do mal estado da pasarela ferroviaria en Monforte

photo_2017-06-01_10-55-39

O deputado de En Marea por Lugo dirixíase a Fomento nunha iniciativa parlamentar para demandarlle a mellora do deficiente estado de conservación deste paso elevado moi frecuentado

Madrid, 11 de setembro 2017. En resposta a unha pregunta por escrito formulada polo deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, Adif ven de desentenderse do pésimo estado da pasarela sobre a liña de ferrocarril en Monforte de Lemos á altura do bairro das Cruces.
Adif emprega a excusa de que “os defectos que presenta atópanse no pavimento, non atopándose deteriorada a súa estrutura”, e alega que “non representa, por tanto, ningún risco á infraestrutura ferroviaria”.

Para o deputado de En Marea este tipo de argumentación “deixa ás claras a falla de sensibilidade do órgao ferroviario en relación á seguridade dos peóns que todos os días pasan por alí. O firme está moi deteriorado até o punto que perdeu toda a súa superficie polo desgaste, o cal supón un perigo para os viandantes, especialmente persoas maiores que atravesan todos os días pola zona”.
Ademáis, puntualiza, “non é certo que a estrutura da pasarela estea en perfectas condicións posto que a estrutura de ferro sobresae nalgúns lugares uns cantos centímetros, outro elemento engadido de perigo”.

Adif dí que “non lle corresponde”

Por outra parte, Adif traslada a responsabilidade ao concello sinalando que “os pasos elevados sobre o ferrocarril deben ser restaurados polos titulares dos camiños, rúas ou estradas. Polo tanto, non se considera que o mantemento lle corresponda a ADIF”.
Dado que a pasarela presenta diferentes deficiencias, considera Fernán Vello que debe ser arranxada mediante unha coordenación entre o ente ferroviario dado que ten defectos de estrutura e o concello.