Novas

Ex director do CEDEX afirma na Comisión do Alvia que “de estar en servizo o ERTMS o accidente nunca tería acontecido”

photo5904519527721447101

 

Madrid, 10 de outubro 2018. Esta tarde comparecía na Comisión de Investigación do Alvia, Jaime Tamarit, ex Director do Laboratorio de Interoperabilidad Ferroviaria do CEDEX, experto en ERTMS, e que afirmou con rotundidade que “se tivera estado en servizo o ERTMS este accidente nunca tería ocurrido”.

Tamarit, que traballou no mesmo ámbito que as dúas anteriores expertas en ERTMS, Beatriz Sierra e Alejandra Pérez, non tivo reparos en facer unha afirmación tan clara, algo que evitaron en todo momento as expertas mencionadas. Tamarit si se preocupou de ler o Informe da CIAF do que dixo que “non apunta ás causas subxacentes”.

Fernández formuloulle unha serie de preguntas relativas á seguridade e ao feito de que se modificase o proxecto orixinal. “Cre vostede que esa desconexión foi un cambio signficativo que disminuiu a seguridade da circulación e que requeriría unha análise e avaliación de riscos?”. Tamarit foi tallante: “Por suposto, ao suprimir o ERTMS suprimiuse a transición e circulouse a 200 km por hora cando tiña que ter sido avaliada”.

A deputada de En Marea lembroulle a comparecencia de Beatriz Sierra, tamén experta en ERTMS, e que “ante a pregunta de se o ERTMS tivese estado operativo nunca tería pasado o tren a máis de 80 km por hora, foi incapaz de respostar e incluso dixo que “unha liña que non esté equipada con ningún sistema,  tamén pode ser unha líña segura”. Que opina destas afirmacións?”, preguntou Fernández a Tamarit.

O ex Director do CEDEX asegurou que viu esa comparecencia e cre que “a xente ten medo”. Tamén puxo en cuestión os argumentos de Adif e Renfe de xustificar ter desconectado o ERTMS porque daba erros, deixando claro que era mellor que dese erros a escoller apágalo.

Fernández concordou co comparecente en que o Informe da CIAF non contén as causas subxacentes como obriga a normativa. “Opina que o presidente de CIAF debería reabrir a investigación sobre o accidente?”. Tamarit sinalou ao respeito que “desde o meu punto de vista, eu analizaría”.

A deputada de En Marea lembrou asemade que “cinco anos despois do sinistro, a liña onde se produciu o accidente segue sen ter o ERTMS operativo”.

Pilar Calvo: “Ao maquinista débíaselle poñer elementos, o único que tiña era un Libro Horario con erratas”

En segundo lugar, esta tarde compareceu Pilar Calvo Holgado, Directora de Investigación e Proxectos ESM do Instituto de Investigación de Seguridade e Factores Humanos. Fernández recolleu unha afirmación realizada na súa intervención sobre o Informe da CIAF, “dixo que non estaba dacordo co Informe. Se a CIAF debe facer conclusións en base á normativa e non o fai, está a facer deixación de funcións? Non cre que o Presidente da CIAF non está a cumprir coas súas funcións?”.

Pilar Calvo afirmou que “ten que aplicar determinados procedementos, e a aplicación deses procedementos ten que implicar os aspeitos organizativos. Coincido co Informe da ERA. Debe haber un cambio no xeito de facer a investigación porque debe irse ás causas subxacentes. O erro humano é un síntoma”.

A deputada de En Marea preguntoulle se cre que o maquinista foi culpable. Calvo dixo que “o comportamento do maquinista foi unha consecuencia. A situación sobrepasaba as capacidades humanas”.

Fernández: “Cando recibiu a chamada do interventor fixo deixación de funcións?”. Calvo respostou: “En absoluto. Ten a obriga de contestar. Desde o meu punto de vistas o maquinista non tivo ningunha responsabilidade. Obrou como calquera o tería feito nesas circunstancias”.

Alexandra Fernández aludiu a que “incluso algún informe sobre o accidente o recolle, en relación á perda de consciencia situacional do maquinista. Que elementos posibilitan a consciencia situacional ou a perda de mesma?”.

A experta en factores humanos sinalou que “ao maquinista débenselle poñer elementos visuais e auditivos que digan o que teñen que facer” e engadiu que “o único soporte que tiña era un Libro Horario que contiña erratas”.