Novas

Fernán Vello denuncia o recorte e o “mal trato” do Goberno de Rajoy con Lugo nos orzamentos xerais do Estado

photo5895298121267784588

O portavoz de En Marea no Congreso amósase escandalizado porque o “Executivo disminúa en máis de 9 millóns de euros as partidas orzamentarias para Lugo en relación a 2017, un 20,3% menos”  e afirma que “son orzamentos pésimos”.

No 2017 o Estado destinou ao territorio lugués 47,4 millóns de euros, para 2018 destina 37,8 millóns.

Madrid, 3 de abril de 2018. O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, amosou a súa indignación polo “auténtico mal  trato que o Goberno de Rajoy otorga a Lugo no reparto das contas do Estado” e que se coñeceu hoxe coa entrega do proxecto de Orzamentos do Estado realizada por Montoro no Congreso.

Aprofúndase a caída de Lugo nos investimentos estatais

Fernán Vello deixa clara a rotunda oposición de En Marea aos Orzamentos do Estado que “non revalorizan as pensións conforme ao incremento do IPC”, que conxelan as partidas orzamentarias destinadas a Galicia en relación a 2017, que xa viñan dunha redución orzamentaria do 32%, e que “suman a Lugo na total marxinación na distribución dos Orzamentos do Estado”.

“Parécenos un escándalo que o Goberno de Rajoy practique un recorte de máis de 9 millóns de euros nas partidas destinadas a Lugo, máis dun 20% menos”.

Neste sentido, lembra que en 2017 o Estado destinou a Lugo 47,4 millóns de euros que xa supuña “unha miseria no reparto, porque Lugo recibía o 0,8% do total estatal. O PP non debeu quedar conforme coa marxinación á que somete ao territorio lugués nos investimentos, que por riba redúcenos aínda un 20% máis”.

Polo tanto, Fernán Vello afirma que “as contas do Goberno de Rajoy son a certificación por escrito do abandono de Lugo”.

“Levamos meses denunciando o grave deterioro das estradas de titularidade estatal en Lugo, meses denunciando o retraso da A-54, da demora na solución técnica para a A-8, toda a lexislatura denunciando o desmantelamento da antiga FEVE, e o proxecto de Orzamentos que hoxe traen á Cámara, é un suma e sigue do abandono, a deixación e a indiferenza que practican con Lugo”.

“Unha vergoña”, engade o deputado de En Marea.

As dotacións concretas

No concreto, Fernán Vello destaca que as partidas para a A-54, tramo Arzúa-Melide teñen proxeción orzamentaria até o ano 2021, o “cal evidencia un novo retraso”, igual que o tramo Melide-Palas.

Para a A-74 hai só pequenas partidas, do mesmo xeito que para a A-56. En materia de mellora da seguridade vial, o mal estado das estradas en Lugo vai ir a máis porque “non hai dotacións económicas para a súa mellora, só unha cativa partida de 350.000 euros para a mellora da N-VI en Outeiro de Rei ou para a N-642 un millón de euros”.

Por outra banda, “o sistema para que a A-8 entre Montoñedo e A Xesta non esté cada momento pechada, non estará en funcionamento no mellor dos casos até o 2020”.

En canto ao tren, o portavoz de En Marea destaca a discriminación de Lugo nos investimentos adicados ao ferrocarril. A antiga Feve só recibirá 1,3 millóns e continuamos a agardar pola súa urxente mellora. Para a electrificación de Monforte hai só 2,6 millóns, e nada para a modernización ferroviaria.

En I+D+I, Fernán Vello lamenta a falla de investimentos para o CETAL de Lugo. “Só hai unha partida de 80.000 euros, outro escándalo”. E o abastecemento de auga a Lugo percibe 0 euros, nada.

“Son, polo tanto, uns orzamentos pésimos para Lugo, que a relegan ao abandono, sen inversións nin dotacións que garantan a súa dinamización económica. Unha vergoña e unha mala noticia”. Ademáis, Fernán Vello une a esta análise a tradicional inexecución orzamentaria do Goberno que “xa sabemos que ten un nivel de execución moi baixo”. Pón de manifestó que  En Marea oporáse a estas contas estatais e presentará alternativas e melloras para Lugo “a pesar do PP”.