Novas

Fomento alega en resposta a Fernán Vello que a rotonda de conexión na N-VI con Alfonso X está pendente da resposta do concello sobre os terreos

dsc_0200

O deputado de En Marea por Lugo pedía axilidade ao Ministerio para esta necesaria infraestrutura que melloraría a seguridade vial na área.

Resposta: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/46b8acb9-7fae-4c1a-aeb8-ebaf2b269e93/RESPOSTA_ROTONDA_N_VI_ALFONSO_X.pdf

Madrid, 26 de abril de 2017. O Ministerio de Fomento vén de respostar ao deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, que o proxecto de construción da rotonda na confluencia da N-VI coa Avenida Alfonso X está pendente “da cesión dos terreos necesarios para a execución das obras” e que “non se dispón até a data de resposta oficial do concello”.

Miguel Anxo Fernán Vello dirixíase a Fomento para demandarlle axilidade na tramitación dunha infraestrutura necesaria que “é unha demanda social e política de  Lugo debido aos perigos e riscos existentes no cruce da N-VI coa Avenida Alfonso X, un dos accesos ao campus universitario e ao Pazo Provincial de Deportes”. Lémbraballe o deputado de En Marea ao Ministerio que “con esta sinxela actuación, estaríase proporcionando un maior grao de seguridade vial aos viandantes”.

O Ministerio excúsase na cuestión dos terreos e insiste na súa contestación a Fernán Vello que “o proxecto relativo á glorieta atópase pendente de aprobación, que está condicionada pola resposta do concello e a da Deputación de Lugo”.

O deputado de En Marea salienta que na zona aludida “existe un problema de seguridade vial, é un punto conflitivo pero que ten unha fácil solución porque non require de grandes investimentos nin de grandes actuacións”.

Fernán Vello afirma que “é preciso que ambas administracións se poñan dacordo e dialoguen en lugar de pasarse a pelota uns aos outros. Requírese unha actitude construtivo para solventar problemas que afectan aos cidadáns de Lugo”.