Novas

Fomento dá a razón a En Marea e procederá a correxir a toponimia galega deformada da súa web

photo5904519527721447101

A deputada Alexandra Fernández pedía explicacións ao Ministerio por usar topónimos como “El Ferrol”, “Bayona”, “Sanjenjo” ou “La Guardia” na súa páxina web.

Madrid, 30 de xaneiro 2019. O Ministerio de Fomento vén de dar a razón a En Marea despois de que a deputada Alexandra Fernández se dirixise ao Ministerio de Fomento nunha iniciativa parlamentar para esixirlle que correxise a toponimia de Galicia deformada na súa páxina web, na área de Capitanías, onde se empregaba:  “El Ferrol”, “Bayona”, “Sanjenjo”, “La Guardia”, “Lage”, “El Grove”, “Puebla del Caramiñal”, “Santa Eugenia de Ribeira” ou “Isla de la Toja”.

O Ministerio de Fomento explica a Fernández que “advertiuse que existe unha discordancia entre a denominación das Capitanías Marítimas existente na páxina web do Ministerio e a que aparace no Anexo do Real Decreto 638/2007, de 18 de maio, polo que se regulan as Capitanías Marítimas e os Distritos Marítimos. En consecuencia, iniciáronse os trámites para que exista unha plena correspondencia dos nomes oficiais”.

Fomento reacciona á denuncia de En Marea

Este cambio por parte de Ministerio prodúcese após da denuncia da deputada de En Marea perante a falla de respecto absoluto nas normas establecidas en materia lingüística. Alexandra Fernández demandaba a Fomento o use das formas toponímicas oficiais: Laxe, Ferrol, Baiona, A Guarda, Santa Uxía de Ribeira, Pobra do Caramiñal, O  Grove, Illa da Toxa e Sanxenxo. E aproveitaba para recomendarlle o envío do nomenclátor oficial a todos os organismos do Ministerio a fin de evitar a deformación da toponimia oficial de Galicia.

Para Alexandra Fernández “non é de recibo que a estas alturas sigan a empregarse formas toponímicas totalmente desterradas e propias doutros tempos como El Ferrol”.

Download (PDF, 29KB)