Novas

Fomento deixa claro a En Marea que non vai abordar a gratuidade da AP-9 Vigo-Tui como alternativa á perigosa A-55 Vigo-Porriño

Alexandra Fernández demandaba a Ábalos o cumprimento da proposición de EM aprobada no Congreso para abrir unha negociación con AUDASA en relación ás peaxes entre Vigo e Tui

Madrid, 8 de agosto 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, dirixíase en xuño pasado, através dunha iniciativa parlamentar, ao Ministerio de Fomento para demandarlle o cumprimento da proposición de EM aprobada na Cámara Baixa en relación aos graves problemas de seguridade vial da A-55, Vigo-Porriño, e a necesidade de abordar a gratuidade ou reducións das peaxes da AP-9 Vigo-Tui como alernativa segura á condución.

Alexandra Fernández trasladaba ao novo Ministro de Fomento os acordos acadados en sede parlamentar en relación á proposición de En Marea, e lembráballe os puntos acordados: abordar a fondo o grave problema de seguridade vial na autovía A-55 Vigo-Porriño, o tramo de toda a rede estatal de maior acumulación de puntos negros e cunha elevadísima siniestralidade, abrir un proceso de negociación coa concesionaria da AP-9 para lograr unha oferta de reestructuración das peaxes no tramo Vigo-Tui ou incluso a súa gratuidade. Incluso se engadiu a necesidade de apostar pola saída sur ferroviaria de Vigo.

Fomento non fai os deberes

Pois ben, na súa resposta a En Marea, Fomento limítase a falar das obras de adecuación da A-55, e descarta claramente abrir negociacións con AUDASA, a concesionaria de AP-9 a fin de plantexar reducións nas peaxes ou incluso a gratuidade como alternativa segura ao elevado risco da A-55 Vigo-Porriño. Así, o Ministerio afirma que “mentras a AP-9 circunvala a cidade de Vigo, a función da autovía A-55 é a penetración e acceso principal ao centro da cidade desde o sur, polo que en ningún caso pode resultar a primeira sustitutiva da segunda”.

Alexandra Fernández amosa o seu estupor pola negativa de Fomento a iniciar unha negociación coa concesionaria “cando o grupo socialista non só apoio a proposición de En Marea, senón que incluso pactou con nós un acordo transaccional”. Pídelle a Ábalos que reconsidere esta posición porque “supón unha actitude obstruccionista en relación cunha posíbel solución”.

A deputada de En Marea lembra que “a autovía Vigo-Porriño, a A-55, está entre as máis perigosas do estado. Os accidentes son habituais nas denominadas curvas de Tameiga en dirección a Vigo. O seu problema de fondo é o sinuoso trazado que ten”. Ningunha das actuacións feitas solucionaron o problema “posto que é estrutural por unha configuración impropia para unha autovía”. Unha alterantiva “que sempre nos pareceu razoábel, e que está respaldada socialmente, sería liberar de peaxe o tramo da AP-9 entre Vigo e Tui, e que como vemos nesta resposta non está nos plans de Fomento”.

Reinicio das obras

Polo demáis, o Ministerio indica que “foi preciso facer axustes nas obras de adecuación da A-55 por motivos xeotécnicos, así como por causas ligadas á aparición de novos servizos afectados”. Engade que o Ministerio enviou nota de prensa o 7 de maio indicando que se reiniciaban os traballos.