Novas

“Israel non quere que vexamos a cárcere a ceo aberto no que converteron Gaza”

photo532578075464698287

Palestina, 15 de xaneiro. O deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, lamenta que Israel lles denegase o acceso á Franxa de Gaza, no marco da visita a Palestina iniciada o pasado venres e na que tamén participa o parlamentario de Podemos e Portavoz do Grupo Confederal nas Comisións de Asuntos Exteriores e Unión Europea, Pablo Bustinduy, e a vicepresidenta cuarta da Mesa do Congreso, Gloria Elizo.

Ao Goberno de Israel non lle gustou que un grupo de deputados e deputadas, entre os que se atopa En Marea e Podemos, viaxe aos territorios onde se vulneran sistemáticamente os dereitos do pobo palestino.

Trátase do intergrupo de amizade con Palestina do Congreso que xa se reuniu coa familia de Ahed Tamimi, unha menor palestina que será xulgada este luns nun tribunal militar. Malia solicitar permiso para acceder á Franxa de Gaza, finalmente non puideron continuar coa viaxe.

Segundo Gómez-Reino, “tramitamos por todas as canles diplomáticas e institucionais a visita á Franxa de Gaza para observar a situación que padecen e os proxectos humanitarios”. O deputado recorda que Gaza é territorio “palestino e soberano”, segundo a lexislación internacional.

Así mesmo remarca que o permiso da visita tramitouse en tempo e forma, polo que lamenta que o Goberno de Israel “comunicounos que non podemos entrar, porque desgraciadamente segue tendo o poder para dicir quen pode e quen non pode acceder a un territorio soberano como é Gaza”.

Ante a negativa, Gómez-Reino reaccionou apuntando a “torpeza e o atropelo de Israel, que segue vulnerando a legalidade internacional, impedindo o acceso de representantes públicos españois como observadores”.

O deputado de En Marea pregúntase por que non lles permitiron visitar Gaza, ao que responde que “parece que Israel non quere que representantes institucionais do Congreso vexan as consecuencias do que a día de hoxe é un cárcere ao descuberto, onde tratan de sobrevivir máis de 2 millóns de persoas a un bloqueo inhumano e ilexítimo”.

Finalmente, explica que nestes momentos están activando todos os mecanismos institucionais “para facer entender ao Goberno israelí que estamos tratando de coñecer a situación de Gaza para poder trasladar a situación a ámbitos internacionais e ao propio Congreso”.