Novas

Luz verde por unanimidade no Congreso á proposición de En Marea para executar a reforma da N-642 na Mariña

photo5839215456223866072

 A deputada de En Marea arrancou hoxe o acordo para que comecen xa as actuacións de rehabilitación da seguridade vial na Estrada da Costa e se amplíen as melloras até Ribadeo

Madrid, 18 de setembro 2018. A Comisión de Seguridade Vial do Congreso aprobou este mediodía por unanimidade a proposición non de lei de En Marea para a reforma da N-642 ao seu paso pola Mariña, iniciando canto antes o proxecto de rehabilitación licitado entre Barreiros e Cervo, pero ampliando a súa mellora até Ribadeo e abordando tamén os cruces con mala visibilidade situados na parroquia de Vilaronte en Foz.

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, fixo posíbel o acordo ao aceptar incorporar unha emenda do grupo popular que non mudaba as peticións orixinais. Lamentou Fernández que o grupo socialista “dea pasos atrás” presentando emendas rebaixadas que non asumen compromisos concretos. Destacou que tanto PP como PSOE habitúan a mudar as súas posicións cando asumen o exercicio do goberno, “e ao final é En Marea quen mantén a coherencia das demandas que veñen de Galicia”.

Atallar o défice da Mariña en infraestruturas viarias

Na súa intervención perante a Comisión, Fernández expuxo a problemática en materia de seguridade vial que envolve á N-642, na mesma liña que sucede con outras estradas de titularidade estatal que atravesan A Mariña, comarca con un enorme défice en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias.

Alexandra Fernández aceptou incorporar unha emenda do grupo popular porque non mudaba as peticións da proposición orixinal. En cambio, criticou ao grupo socialista por presentar unha emenda que “da pasos atrás

Lembrou que en numerosas ocasións o mal estado das estradas estatais foron obxecto de preocupación de En Marea. “Nesta ocasión traemos a debate as deficiencias da N-642 coñecida como a estrada da costa. Un vial moi usado sobre todo no verán e pola que transita un grande volumen de tráfico, tamén vehículos pesados”. Salientou que a N-642 adoece das mesmas deficiencias doutras como a N-634 ou a N-640. “Presenta un importante deterioro ao longo do seu percorrido, debido ao descuido, á falla de investimentos e ao uso constante. Ten tramos desastrosos en municipios como Foz, Ribadeo ou Cervo. Conducir por esta área implica enfrontarse a constantes intentos por sortear baches, socavóns, ou grietas, cos conseguintes perigos para a seguridade”.

Alexandra Fernández mencionou puntos conflitivos como Fazouro, Mañente (Foz), Daián en Cervo ou desde Ribadeo a Porto no límite con Vegadeo. “O seu mal estado foi obxecto de reivindicacións constantes por parte dos veciños e veciñas da zona”. Incluso sinalou que o tramo entre Mañente e o cruce da Corredoira en Foz, é coñecido como “o tramo maldito” porque nun traxecto dun quilómetro sucédense numerosos accidentes.

A deputada de En Marea explicou asemade outra das peticións que “facemos na nosa proposición que é a mellora do cruce que sirve de enlace entre a parroquia de Vilaronte en Foz e a N-642 no bairro das Areosas, e a mellora da sinalización do cruce tamén en Vilaronte pero á altura do  bairro de Espiñeira. Destacou a mala visibilidade que ocasiona múltiples sinistros.

A parlamentar de En Marea puxo de manifesto que Fomento nunha resposta ao noso grupo de hai uns meses (febreiro), remitíase a unhas obras feitas entre 2015 e 2016 de reparación do firme na variante de Foz. “Unhas obras insuficientes como se ten demostrado e que só eran remendos”. Aludiu á licitación do  Ministerio de Fomento do pasado 8 de xaneiro para a rehabilitación do firme na N-642 entre Barreiros e San Cibrao, “actuación aínda pendente a pesar de que se anunciaron as obras para maio, logo para xuño, e finalmente para setembro”. “Estamos en setembro pero tan so se fixo en pleno agosto, cando más se incrementa o tráfico, unha obra cativa cualificada de “urxente” pero non se efectivizou aínda o proxecto”.

Fernández afirmou que “fora desta “espontánea” actuación, continúa pendente o que En Marea pide que é un proxecto ambicioso de reforma de toda a N-642 até Ribadeo”. “Reclamamos un maior compromiso para abordar en toda a súa extensión a reforma dun vial que presenta moitas carencias”.

A parlamentar de En Marea apelou a Fomento a adoptar unha posición de maior axilidade e eficacia porque a N-642 “é unha vía fundamental para a comunicación da comarca mariñana. Fomento debe empezar xa a mellora do licitado entre Barreiros e San Cibrao, e debe estender as actuacións aos outros tramos”.