En Marea

#AgoraEnMarea

O 20-D Galicia ten moito que gañar. Nas eleccións municipais demostrouse que o cambio é posible.

O 20-D ofrécenos unha nova oportunidade para referendar a vontade de cambio que, desde o 24 de maio, representan as mareas municipalistas en moitos concellos galegos.

O 20-D teremos a posibilidade de que ese cambio político se multiplique no conxunto do Estado para poñer fin ás políticas da austeridade, aos recortes e aos sacrificios que o PP nos impuxo á maioría. Está en xogo que, por fin, as persoas sexamos o primeiro.

Queremos unha política económica para o servizo da maioría social e o ben común. Desexamos facer da igualdade, a xustiza e a solidariedade a razón de ser das institucións democráticas. Para protexer os nosos dereitos e liberdades, para combater a corrupción e gañar as institucións para a xente, o teu voto é decisivo.

O 20-D temos unha cita para rescatar a democracia e abrir un proceso constituínte que nos permita decidilo todo. A cidadanía galega, o pobo galego, debe poder decidir libre e soberanamente que políticas máis nos conveñen e así construír unha nova relación democrática entre as nacións que conforman o Estado Español.

En Marea nace da vontade de unidade e do desexo de cambio político e ruptura democrática. É un espazo plural, a unión de quen queremos camiñar xuntos para procurar solucións comúns e dar vida a un país novo, a unha democracia real, a unha vida mellor.

Súmate a En Marea o 20-D para facer imparable cambio que ti e mais nós desexamos.