En Marea

Manifesto da mocidade

A mocidade galega polo cambio político e a ruptura democrática

O 20 de decembro a mocidade galega temos moito en xogo. Somos unha xeración expulsada por un sistema que nos fixo crer que viviamos nunha burbulla de benestar e comodidade, de ascenso social ilimitado respaldado por xenerosas entidades financieiras. No 2008 a burbulla estourou, e moitas de nós non tiñamos apenas conciencia. Pouco a pouco, fomos vendo como aquilo para o que nos educaran era falso: non había ascensores sociais, nin traballo, nin igualdade de oportunidades nin tampouco benestar. Nin sequera nos ía ser posible identificarnos cunha actividade laboral, toda a nosa vida ía estar marcada pola precariedade, por mudar continuamente de emprego e por perder horas das nosas vidas para conseguilo. Para isto tamén tiveron que someter ao ensino a unha profunda reconversión económica. Chegou o Plan Boloña, a Lomce e o 3+2 e marcharon as bolsas, con elas milleiros de estudantes obrigados a deixar a universidade por non poder pagala. Convertiron o sistema universitario nun privilexio, poñéndoo ao servizo duns intereses alleos aos da maioría social.

O 15 de Maio do 2011 foi un punto de inflexión fundamental para manifestar a total desconexión dos nosos goebrnantes coa realidade da maioría. Nin poderíamos acceder a un posto de traballo independentemente da nosa formación, nin aqueles que a tiñan atoparían nunca un acorde con ela. Descubrimos que a palabra democracia non serve de nada se non existen as condicións materiais para exercela, se o único que temos é paro, corrupción, emigración e miseria. Nas prazas recuperamos a fraternidade, a comunidade e a vida; comezamos un proceso constituínte que aínda está en marcha e que nunca deixará de estalo. Mobilizámonos nas Plataformas en Defensa da Sanidade e a Educación Pública, tomando nota do noso pasado máis recente e de loitas, como a da Insumisión, o Nunca Máis e as protestas estudantís contra da LOU. Aprendemos tamén das loitas do feminismo, tomando consciencia de que os nosos dereitos só poden ser conquistados por nós e de que o patriarcado non é cousa do pasado, senón unha dominación presente sobre os corpos, sobre a vida. O 24 de Maio seguimos exercendo ese poder, desta volta nos Concellos onde xa nada volverá a ser o mesmo. Onde a mocidade xa está a decidindo e tomando protagonismo na vida municipal a través de orzamentos participativos.

Xa non é posible pechar as portas abertas no camiño andado ata aquí. Tócanos seguir conquistando xustiza e igualdade para rematar co paro, a precariedade e a emigración. Esiximos estudar cun sistema de bolsas que garanta a universalidade da educación en todos os niveis. Esiximos traballo digno: rematar coa temporalidade á que estamos sometidas, con salarios dignos e dereitos laborais para evitar a miseria e o sometemento. Traballo digno para rematar coa emigración que desangra día a día o noso país e que fai que a crise demográfica de Galiza sexa cada día máis grave. Temos dereito (por moito que lles pese) a emanciparnos, ser donas das nosas propias vidas, e para iso temos que ter acceso á vivenda, sen vivir co medo de ser desafiuzadas.

Estamos demostrando que se algo é inasumible para este sistema é a institucionalidade dos de abaixo. A deliberación, a comunidade, a democracia como praxe radical e material. Non van poder coas prazas, nin cos concellos rebeldes, nin coa organización dos comúns. A mocidade, a xeración que se xoga nestas eleccións unha boa parte do noso futuro, temos que ter un papel determinante no cambio, na ruptura co Réxime do 78 e en asegurarnos que é a maioría da sociedade quen lidera a mudanza que vai chegar.As eleccións dirán quen constrúe o noso futuro. Ou traballamos pola nosa dignidade, ou as élites profundarán na nosa miseria.

A mocidade galega vai En Marea!

Asina o noso manifesto da mocidade