En Marea

Manifesto

En Marea inundáronse as prazas para emendar e impugnar un sistema baseado na inxustiza e na expropiación dos nosos dereitos e liberdades.

En Marea abrimos un proceso en construción para avanzar na necesaria unidade popular e cidadá.

En Marea foi como a cidadanía galega, a maioría social, o 99%, tomou nas súas mans, en maio de 2015, concellos, vilas e cidades do país para devolver á xente, o que da xente é, a base dun desexo común: participación, transparencia, democracia de base cidadá.

En Marea, acumular forzas e poder decidir que queremos ser. Sumar para multiplicar.

En Marea hai xenerosidade, hai a determinación colectiva de tornar posíbel o que nos din que é imposíbel.

En Marea para rescatar as persoas e poñer a economía ao servizo da maioría. Para coidar e respectar o noso entorno; situar os recursos naturais por riba do privado, á altura do ben común.

En Marea acreditando nunha xustiza que naza das de abaixo, na necesidade de mudalo todo.

En Marea, unha expresión singular, unha ferramenta para construír un país novo. Sumando e multiplicando o traballo do común, a confluencia, a mestizaxe, a unidade popular e cidadá.

En Marea é cambio, é ruptura, é democracia. É participar, é decidir. É soberanía, é dereitos sociais, é igualdade, é xustiza para todas igual.

Nacemos da pluralidade, de diferentes visións, de distintos ollares. Somos resposta ante as agresións. A unión de quen quere camiñar xuntas, para procurar solucións comúns. Acreditamos na necesidade de explorar novos espazos colectivos, de artellarnos na diversidade, de cooperar e construír en común.

En Marea construímos un futuro para decidir soberanamente entre todas e todos. En Marea queremos dar vida a un país novo, a unha democracia real, a unha vida mellor.

En Marea. Un suxeito político propio, galego e constituínte, que avanza na conquista dun futuro de dignidade.

Para non renunciar. Para un presente mellor e un futuro outro. Da forza colectiva da nosa xente nace unha marea galega.

En Marea, para mudalo todo. Para que nada siga igual.