Novas

Mentras seguen as deficiencias en FEVE, Fomento dí a Fernán Vello que “diseñou un Plan de Reforzo”

photo_2017-06-01_10-55-39

O deputado de En Marea dirixiuse en numerosas ocacións ao Ministerio para pedirlle explicacións polas cancelacións de servizos e retrasos na liña de ancho métrico Ferrolterra-Ortegal-A Mariña”.

Madrid, 21 de xullo de 2017. O Ministerio de Fomento indica nunha resposta por escrito ao Deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, que RENFE “diseñou un Plan de Reforzo da liña de ancho métrico a fin de iniciar unha nova etapa nos servizos ferroviarios de FEVE”. Unha afirmación do Ministerio nun contexto no que continúan as deficiencias, os problemas e o deterioro da conexión de FEVE entre Ferrolterra-Ortegal-A Mariña.

Miguel Anxo Fernán Vello dirixiuse en numerosas ocasións ao Ministerio para pedirlle explicacións polas cancelacións de servizos e retrasos na liña ferroviaria, a única que podería funcionar como un tren de cercanías na zona noroeste de Galiza. Fomento asegura que en 2016 reforzou a plantilla de maquinistas con 6 novas incoporacións na base de Ferrol.

“Non hai vontade política nin do Goberno nin da Xunta”

Mais, lamenta o deputado de En Marea, os problemas seguen a producirse, “co cal, moito nos tememos que Fomento continúe nunha tónica de falar de Plans que non se efectivizan, que se demoran ou que sonan a entretemento. Se hai vontade real de mellorar esta conexión necesaria para A Mariña e para Ferrolterra, que leva anos en situación de desmantelamento, destinaríanse os orzamentos necesarios e non como vemos nos Orzamentos Xerais do Estado”.

O Ministerio tamén sinala a Fernán Vello que RENFE está a levar a cabo un “importante Plan de Acción para a adaptación dos plans de mantemento do material rodante de ancho métrico que permita mellorar a súa fiabilidade”. Algo que “tampouco percibimos dada a situación real que sofren estes servizos”, afirma Fernán Vello.

O Goberno explica ao deputado de En Marea que “o Consello de Ministros autorizou a suscripción da prórroga para 2017 do contrato entre o Ministerio e RENFE para a prestación do servizo público de ancho métrico”. Pois ben, puntualiza Fernán Vello, “unha ocasión de ouro para adicar todos os esforzos a mellorala. Está declarada como Obriga de Servizo Público, co cal debería ser unha prioridade a súa mellora. Non esquezamos que é a única liña ferroviaria que ten A Mariña”.

Por outra parte, Miguel Anxo Fernán Vello tamén preguntara ao Goberno pola renovación do Convenio para os servizos de mercadorías entre San Cibrao e Amorebieta no País Vasco para o transporte de aluminio da factoría de Alco.

Neste eido, o Ministerio limítase a explicitar “a vontade das partes para lograr un acordó”, pero non concreta nada en absoluto. Si recoñece a En Marea a importancia da actividade industrial e económica da Mariña, razón de máis, subliña Fernán Vello, para que o transporte ferroviario de mercadorías na zona noroeste se potenciase e se impulsase “sacándoo da estreitez na que actualmente se atopa, con servizos limitadísimos que non permiten planificar o transporte de mercadorías”.
Miguel Anxo Fernán Vello considera “intolerábel a situación da liña de ancho métrico Ferrolterra-Ortegal- A Mariña e acusa ao Goberno e á Xunta de “falla de compromiso real”.