Novas

Mulleres contra a precariedade: Acto en Vigo con Yolanda Díaz, Irene Montero, Carmela Villaverde e Lucía Trenor

photo5767224318214909812 (1)

Vigo, 9 de marzo. O vindeiro mércores 13 de marzo a portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, xunto con Irene Montero, portavoz do Grupo Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem- En Marea; Carmela Villaverde, delegada de CCOO e negociadora do convenio dos produtos elaborados do mar e Lucía Trenor, traballadora de Teleperformance e Secretaria Servizos de CCOO Galicia, protagonizarán o acto ‘Mulleres contra a precariedade’, que se celebrará en Vigo na Fundación ONCE – Gran Vía, 16.

Este acto, que se celebrará de xeito asambleario, ten como obxectivo dar a coñecer as duras e precarias condicións de traballo de moitos sectores, maioritariamente os que ocupan as mulleres,

Os dous maiores problemas da nosa sociedade son a desigualdade e a precariedade e o desemprego. Ambos problemas están intimamente vinculados: a desigualdade de xénero ten moito que ver coa discriminación laboral das mulleres, coa brecha salarial e coa imposibilidade para moitas de dispoñer dun traballo decente que lles permita afrontar a vida sen dependencias. E ao mesmo tempo, a precariedade ten rostro de muller, as cifras de contratación temporal ou a tempo parcial non desexada afectan de forma máis grave ás mulleres.

Cando ambas dimensións se xuntan supoñen que boa parte da sociedade vive na precariedade permanente, onde as carencias do ámbito laboral se trasladan a todos os ámbitos da vida. A incerteza e o medo métese nos fogares, e en moitos a pobreza.

Ante esta situación, urxe adoptar medidas como as que vimos reclamando desde o Congreso, sobre todo a derogación dos aspectos máis lesivos das reformas laborais, pero tamén aumentar os coeficientes redutores das mariscadores ou o recoñecemento como enfermedades laborais de varias patoloxías causadas polo desempeño do seu traballo.

Un futuro Goberno progresista ten a obriga de poñer o conxunto dos instrumentos do Estado para combater a maior lacra do noso tempo. Un Goberno valente que afronte os principais problemas do país situando as persoas no centro e non atendendo as presións da patronal.

Só o traballo con dereitos vai permitir combater a precariedade, e iso sería unha das maiores formas de combater a desigualdade. Asegurar que as mulleres poden vivir do seu traballo con dignidade.