Novas

O Congreso aproba a proposición de En Marea para que o tramo da AP-9 de entrada a Vigo sexa de travesión urbana desde as Torres de Padín

photo5834747925731848550

Alexandra Fernández enfatizou que a conversión en travesía urbana pode ser unha oportunidade para Vigo de solucionar problemas urbanísticos enquistados. Ademais, advertiu dos riscos de perder esta oportunidade se a proposta queda reducida a un mero cambio de titularidade e de reducción de velocidade.

 

Madrid, 29 de novembro de 2017. A Comisión de Fomento aprobou esta tarde a proposición da deputada de En Marea, Alexandra Fernández, para que se proceda á conversión en travesía urbana do tramo de entrada a Vigo da AP-9, desde a zona das  Torres de Padín até o centro de Vigo.

A iniciativa saiu aprobada cos votos a favor de En Marea, o grupo Mixto e Ciudadanos, coa abstención do PP e co voto en contra do PSOE.

Atender a demanda da veciñanza de Chapela 

A deputada de En Marea ampliou o espazo para a conversión en travesía urbana para atender a demanda plantexada polos veciños de Chapela que defenden a necesidade de contemplar o traxecto desde as Torres de Padín e non só desde a Avenida de Bos Aires.

Alexandra Fernández tratou de transaccionar un acordo co grupo socialista e co grupo popular pero non foi posíbel debido ás diferenzas sobre esta cuestión, entre outras.

Entende que no concello de Vigo o acordo adoptado sobre unha iniciativa do grupo socialista fique en delimitar o espazo na Avenida de Bos Aires, pero “nós após de escoitar aos veciños e veciñas de Chapela consideramos oportuno incorporar a súa demanda  na nosa proposición dado que supón unha mellora a ter en conta”.

Alexandra Fernández comezou a súa intervención criticando duramente a suba dos prezos das peaxes que vai levar a cabo AUDASA a partir de xaneiro de 2018, cifrado nunha porcentaxe do 3,1%: “Deixen de darlle beneficios á concesionaria, a autoestrada está mais que amortizada”.

Vigo debe ter un modelo propio

A deputada de En Marea levaba a debate e votación esta tarde unha proposición non de lei para que se declare travesía urbana o tramo da AP-9 de entrada a Vigo desde as Torres de Padín. Explicou aos membros da Comisión que a entrada da AP-9 en Vigo parte dun modelo teórico tecnicista do tráfico que prioriza unha política de transporte das grandes infraestruturas, que obvian factores como os bairros, a poboación e os movementos pendurales. “Un modelo que en grandes cidades pode funcionar pero non en urbes do tamaño de Vigo. “Temos claro que se se tivesen tido en conta, estaríamos ante outra xerarquización do tráfico”, enfatizou Fernández.

A parlamentar de En Marea censurou unha estratexia estatal dos anos 70 que “non tivo en conta a realidade poboacional de Vigo que é pluricéntrica, e onde zonas poboacionais como Teis ou Chapela funcionan autónomamente, polo tanto, requerirían dunha mellora da conectividade entre estes núcleos. En cambio, deuse unha lóxica estatal de conexión das grandes cidades que non encaixa coa realidade de ordenación do territorio galego”.

O obxectivo é unha mellor conectividade entre bairros e parroquias

Alexandra Fernández afirmou que “explico todo esto para que se entenda o obxectivo da nosa proposición ao peder a conversión en travesía urbana. O obxectivo é que existe a mellor conectividade entre bairros e parroquias”.

Alexandra Fernández puxo de manifesto que a AP-9 remata directamente no centro da cidade sen que existise ningunha planficación. Neste sentido, amosou fotos da área de Gran Vía do proxecto de Scalextrix que grazas “ao forte rexeitamento reconvertiuse, baixando a cota pero mantendo o trazado e moitos problemas”.

Unha situación, subliñou, que se agravou a medida que a cidade foi medrando. “Ademáis, a AP-9 xerou graves problemas de contaminación acústica que os veciños están fartos de denunciar e unha fenda urbana que se evidencia na falla de viais transversais”.

A travesía urbana debe ser unha oportunidade para solucionar problemas urbanísticos

Destacou que a autoestrada pasou a circunvalar a cidade de Vigo e o acceso ao centrou quedou como un apéndice que tiña que terse readaptado a unha nova funcionalidade no sistema viario.

Alexandra Fernández explicou que “a conversión en travesía urbana non debe ser só un cambio de título de vía, a redución da velocidade e unhas rotondas. Debe ser unha oportunidada para solucionar problemas urbanísticos estruturais”. Dese xeito, puxo a énfase na necesidade de mellorar os accesos a AP-9 no tramo Rande-Vigo de xeito que funcione como vertebrador dos diversos núcleos, aliviándoos de tráfico, sobre todo nos centros de Teis e Chapela.

Propoñemos que se faga un proxecto de reconversión en travesía urbana que vaia desde as Torres de Padín até Vigo, e que permita mellorar a permeabilidade entre ambas marxes do vial, a redución da contaminación acústica e a mellora da calidade do espazo público.

Por último, Alexandra Fernández pediu resolver o último tramo da AP-9 como proxecto integral para todo o entorno que teña como obxectivo xerar un continuo urbano entre a estación de tren e a de buses, e a rúa García Barbón e Canadelo. Consideramos importante que se mellore o espazo público através do soterramento tanto do acceso como da saída á AP-9. Concluiu a deputada de En Marea reafirmando a “necesidade de que todos os espazos se poñan a dialogar entre sí”.