Novas

O Congreso respalda a iniciativa de En Marea que pide que o concello de Sada xestione as visitas ao Pazo de Meirás

photo5834616516912458645

Madrid, 29 de novembro de 2017. O Congreso respaldou este mércores a iniciativa de En Marea que pide que o concello de Sada xestione as visitas ao Pazo de Meirás, co voto a favor de todos os grupos e coa abstención do Partido Popular.

“Instamos ao Goberno a aprobar o requerimento do concello de Sada para incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público e que sexa xestionado polo consistorio e non pola Fundación Franco”, asegurou o deputado Miguel Anxo Fernán Vello, que defendeu a iniciativa na Comisión de Cultura.

Após un acordo transaccional, o Congreso aprobou varios puntos, nos que se deberá instar á Xunta de Galicia a que aprobe o requerimiento do concello de Sada para que sexa o consistorio quen xestione o réxime de visitas ao BIC Pazo de Meirás e iniciar os trámites pertinentes desde as institucións para recuperalo e incorporalo ao patrimonio público.

Ademais, acordouse “rexeitar a xestión por parte da Fundación Franco das visitas ao Pazo de Meirás, instar á súa ilegalización e condear as manifestacións de apoloxía do franquismo realizadas pola Fundación”.

“A Fundación Franco debe ser ilegalizada por facer apoloxía do franquismo, da violencia política e por pisotear os dereitos humanos”, insistiu Fernán Vello, voceiro de cultura.

No acordo tamén consta a creación dunha comisión especial que, ademais da presenza de representantes designados polo propio Goberno, conte coa incorporación de membros designados pola Xunta, a Diputación da Coruña, o Concello de Sada e da Coruña, así como outras institucións que consideren os integrantes de devandita Comisión, e que conte coa colaboración das Universidades de Galicia e persoas expertas na materia de Memoria Histórica.

“O obxectivo será o de analizar a fondo o expediente orixinal de doazón da propiedade do Pazo de Meirás a Franco e calquera outro ben expoliado polo ditador, e atopar e presentar os procedementos necesarios para recuperar a titularidade pública do inmoble”, sinalou o deputado.

Unha vez recuperada a titularidade pública do Pazo de Meirás, o Congreso aprobou que se promova a súa conversión nun Centro de Divulgación da Memoria Histórica democrática galega e da loita anti franquista, compatibilizándoo co recoñecemento da figura de Emilia Pardo Bazán.

“É de xustiza reclamar a devolución do Pazo de Meirás, que no seu día foi de Emilia Pardo Bazán, ao pobo galego e que sexa de titularidade pública”, concluiu o deputado Fernán Vello.