Novas

O corporativismo de ex cargos de Fomento defenden a permanencia de Cortabitarte, o informe da CIAF e a falta de avaliador independente en Angrois

photo5206491465566497469

A deputada de En Marea mantivo un duro intercambio de acusacións co Ex Presidente de Adif, Ferré Moltó, quen nunha actitude chulesca limitouse á negativa en cada resposta

Madrid, 5 de decembro 2018. O primeiro comparecente da longa sesión da Comisión de Investigación do Alvia da xornada de hoxe foi Carlos Juárez Cólera, ex Director Xeral de Infraestruturas Ferroviarias. A deputada de En Marea aludiu ao auto do xuÍz coñecido nestes días sinalando que “confirma o que En Marea viña denunciando: a responsabilidade non era en exclusiva do maquinista. O cambio de proxecto ou a desconexión do sistema de seguridade foron recortes graves. Son a causa raíz do accidente”.

Fernández tamén lle insistiu en preguntar se Andrés Cortabitarte, ex director de Seguridade de ADIF, non debería ser cesado como cargo de libre designación de Adif despois de ser imputado na causa.

A resposta de Juárez seguiu a liña doutros representantes ministeriais: “en Adif toda a estrutura é de libre designación. Pode ser cesado, pero agora está adicado a responsabilidades que non afectan a cometidos anteriores. Non é un dos altos cargos”, xustificou.

A deputada de En Marea acusouno de “non querer depurar responsabilidades” porque “primeiro dixeron que hai que agardar á xustiza, e cando hai un auto, din que ten pouca responsabilidade. Dan a sensación de amparar  a todos os responsábeis”. O ex Director Xeral de Infraestruturas defendeu a Cortabitarte enfatizando que “está imputado nun delito en fase de instrucción, agora pasou a xuizo oral, e o xuiz determinará as súas responsabilidades. Non me sumarei a culpabilizar a alguén antes do fin do xuizo”.

Manuel Niño admite que non se aportaron os Informes de risco da curva de Angrois

O segundo comparecente foi Manuel Niño, que tivo altas responsabilidades no Ministerio de Fomento, foi Director Xeral de Ferrocarrís e Secretario Xeral de Infraestruturas. Alexandra Fernández voltou aludir ao auto do xuíz que  ratifica que a responsabilidade non é exclusiva do maquinista, “hai decenas de evidencias de que a desconexión e cambio de proxecto foron graves. O Informe da CIAF funcionou para avalair a teoría do único culpábel. As cousas fixéronse mal. Adif fixo as cousas mal”.

Manuel Niño seguiu a liña argumental doutros ex cargos do Ministerio alegando que o Informe da CIAF non busca responsabilidades, analiza causas e defendeu as súas conclusións. “A busca de responsabilidades debe facerse en sede xudicial”.

O corporativismo do comparecente provocou a indignación da deputada de En Marea, que procedeu á ler as conclusións do Informe da CIAF, que “carga toda a culpabilidade no maquinista”. “Non entendo que após do auto se queden tan tranquilos e que o maquinista debe cargar coa responsabilidade. Non existe a indepedencia na CIAF dado que a equipa investigador estaba formada por persoas de Fomento. Cortabitarte fixo parte, a persoa investigada resulta que estaba investigando”.

Manuel Niño admitiu que responsábeis de seguridade formaban parte da equipa, pero insistiu paradóxicamente en que o Informe foi independente. Chegou decir que “penso que foi independente á hora de elaborar o informe final”, algo que Fernández calificou “de sinsentido” .

Fernández preguntoulle pola súa participación nunha auditoría posterior ao accidente. Niño asentiu e remitiuse ao Informe da Direción Xeral de Ferrocarrís.

A deputada de En Marea redundou na cuestión dos dossieres de seguridade completo para todos os enclavamentos e o cumprimento da normativa Cenelec. Manuel Niño explicou que “houbo un dossier de seguridade e considera que si se cumpriu a normativa Cenelec”, facendo énfase na parte troncal da liña. E recoñeceu que no caso dos enclavamentos, acceso a Ourense e a Santiago, fíxose segundo os procedementos de Adif pero non segundo os dossieres completos.

A deputada de En Marea concluiu que “cumpriron a normativa Cenelec nunha parte pero noutra rexímonos por normas internas de Adif. “Tiñan que terse rexido por normativa Cenelec. Pasóuselles dúas veces. Na posta en servizo da liña, e após do accidente tamén se lles pasou que faltaba o Informe de avaliador independente da curva. As vítimas tiveron que buscar cos seus propios recursos, sen medios, e vostedes facendo auditorías non se deron conta. Parécelle normal? Cre que se podía ter certificado sen informe de avaliador independente?”.

Manuel Niño limitouse a sinalar que o dossier de seguridade entregado era axeitado.

Ferré Moltó, Ex Presidente de Adif: negou incluso as evidencias

Alexandra Fernández acusou a Ferré Moltó de falta de colaboración e criticouno de falta de respecto e de burlarse da Comisión. “Vostede participou nunha auditoría dentro de Adif após do accidente? Nese informe dise que se entregou toda a documentación e que se cumpría a normativa, a Cenelec e o informe de avaliación indepentendete cando soubemos que non estaba para o enclavamento de Santiago. Onde estivo o erro?”.

Ferré Moltó foi quen de afirmar que “desde Adif colaborouse absolutamente tanto coa Comisión de Investigación como co proceso xudicial”. Atreveuse a decir que ao xulgado enviou “toneladas de información e ao Congreso tamén”. Alexandra Fernández meteuno contra as cordas ao evidenciarlle todas as denuncias publicadas en medios de falta de cooperación de Adif co xulgado e de non enviar documentación. O Ex presidente de Adif non foi quen de clarexar e concretar a documentación entregada, amparándose en que “se entregaron toneladas de documentación”.

“Por que tardaron tres ou catro anos en chegar os informes de Adif ao Xulgado? Non sabe por qué non se entregaban os informes de Adif na Xustiza?”. As respostas sempre foron a negativa rotunda sen explicacións.

Fernández insistiu na auditoría de Adif, confirmada por un comparecente da mañá, e que o Ex Presidente de Adif negouno toda a tarde. “Resulta compricado que nunca se deran conta que faltaba o informe de avaliación independente da curva de Angrois, as vítimas sen medios e sen recursos foron quen de descubrilo e vostedes non se decataron de nada?”.

Estará dacordo comigo que após do auto do xuiz cabe facer unha boa auditoría e unha nova investigación. Vostede insistiu moito despois do sinistro que esto fose un accidente de alta velocidade. Mentíronnos ao inicio cando se fixo propaganda ou mentíronnos despois cando negaron que era alta velocidade?”.

Ferré Moltó afirmou explícitamente que o tren non cumpría os criterios de alta velocidade, polo tanto non era de alta velocidade.