Novas

O Goberno recoñece a En Marea que “os tempos de espera para tramitar o DNI en Lugo deben ser mellorados”

DSC_0399

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixíase en xuño ao Ministerio para reclamarlle medidas de reforzo nas comisarías de Lugo pola enorme espera para obter o DNI ou pasaporte en Lugo, a media estaba en 39 días.

Madrid, 10 de outubro 2017. O Ministerio de Interior vén de recoñecer ao deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, que “os tempos de espera para a obtención do DNI deben ser necesariamente mellorado” e xustifícase en que “se reduciu o tempo de espera entre 7 e 9 días”.

O deputado de En Marea criticabas en xuño pasado que os habitantes de Lugo tivesen que agardar unha media de 39 días para poder renovar documentos imprescindíbeis para viaxar e demandáballe ao Ministerio de Interior que reforzase o personal e os medios na Comisaría de Lugo, así como noutras da provincia para que os cidadáns puidesen ter un servizo de calidade e áxil “porque non é normal agardar mes e medio para tramitar documentos imprescindíbeis para viaxar ou realizar xestións”.  Reprochaba ao Goberno a súa falla de previsión cando é un problema que se repite ano tras ano.

No caso concreto de Lugo, salientaba “o curto horario de atención ao público que remata ao mediodía e profundiza o problema”. O deputado de En Marea sinalaba que o que sucede en Lugo repítese noutras localidades luguesas como Viveiro, Monforte, e en moitos puntos de Galiza.

O Ministerio afirma que en Lugo non se pediu ampliación de horario de atención ao público

Interior escúdase na leve mellora dos tempos de espera a nivel estatal mediante a asignación de horas estraordinarias, ampliando o horario de atención ao público. Neste sentido, Fernán Vello lamenta que non se aproveite a crear emprego e agarda que “se trate de horas estraordinarias pagadas”.

En relación a Lugo, o Ministerio afirma na súa resposta a Fernán Vello que “a Equipa de Expedición de Lugo non solicitou asignación de horas estraordinarias coas que poder ampliar o horario de atención ao público”. Sinala ao deputado de En Marea que “a producción total da Equipa en Lugo, entre DNI e pasaportes, ascendeu entre xuño de 2016 e xuño de 2017 a 29.834 documentos, o que supuxo un descenso dun 4,5%”.

Para o parlamentar de En Marea é obriga do Ministerio de Interior adoptar as medidas precisas para ofrecer un servizo óptimo, rápido e de calidade aos cidadáns na tramitación deste tipo de documentos, “o que sucede na actualidade, con esperas tan longas, denota falta de interés por resolver un problema que se soluciona con máis medios e máis personal”.