Novas

O Goberno responde a En Marea polo mal estado da liña de ancho métrico, ADIF limita os investimentos “ao tratamento das trincheiras”

photo5805613242712698505

Fernán Vello denunciaba nunha iniciativa dirixida a Fomento os problemas constantes que sofre a liña de tren entre Ferrol e Ribadeo e a necesidade de levar a cabo un Plan de reforma integral.

Madrid, 17 de decembro 2018. O Ministerio de Fomento, Adif, ven de responder ao deputado de En Marea no  Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que “Adif está a levar a cabo actualmente actuacións de investimento para a mellora da infraestrutura da Rede de Ancho Métrico en Galicia”.

Son numerosas as ocasións nas que Fernán Vello ten demandando investimentos na liña da antiga Feve entre Ferrolterra- Ortegal e A Mariña debido ao seu catastrófico e precario estado. Mais, o que pedía o deputado de En Marea era un Plan de mellora da liña de ancho métrico. Nesta resposta, Adif limítase a “parchear e a remendar”.

“Fala de investimentos en trincheiras que efectivamente hai que facer pero que non se poden reducir a ese aspeito”, asegura.

Fernán Vello considera que son  tantas as deficiencias desta conexión, a única que atravesa a liña do Cantábrico, que debería “existir unha visión global como lle transmitimos á Presidente de Adif na xunta que mantivemos con ela recentemente”.

Adif responde a Fernán Vello que “un dos puntos nos que se intensificou nos últimos anos o investimento é o tratamento das trincheiras. No último trienio investíronse en Galicia 2,4 millóns nese eido”. Ademais engade que “está previsto continuar coa eliminación de puntos de risco en trincheiras do tramo Ferrol-Ribadeo, para o cal iniciouse no mes de abril a redación do proxecto para a estabilización dos taludes das trincheiras situadas entre os pp.kk 73/950, 97/050 e 87/205, e 95/640 e 95/900 situadas entre O Barqueiro e Xove”.

Hai que adoptar un Plan de reforma máis ambicioso

En Marea tamén explica que se rematou recentemente unha actuación de reforzo da ponte de O Barqueiro. O deputado de En Marea pedía investimentos máis ambiciosos para rematar coas constantes cancelacións, avarías e demais deficiencias como a renovación do parque móvil, a modernización da liña, maiores frecuencias e servizos adaptados ás necesidades dos usuarios a modo dun  tren de cercanías. Tamén mái personal.

Adif só fala das actuacións en trincheiras e sinala que na planificación futura estaría a “modernización das instalacións de seguridade das Cercanías da Rede de Ancho Métrico en  Galicia, eliminando o bloqueo telefónico para pasar a realizar a regulación do tráfico entre Ferrol e Ortigueira automáticamente desde o CTC”. Non da datas concretas, simplemente indica que “será entre 2019 e 2020”.

Fernán Vello insiste na necesidade de ter “unha visión de conxunto do mal estado da antiga Feve e apostar decididamente polo ferrocarril como medio de transporte ecolóxico e eficiente que sacaría vehículos das estradas. O abandono desta liña non se arranxa con remendos, hai que aprobar un Plan que inclúa toda a problemática e que ofreza un tren óptimo e eficiente aos habitantes da franxa Cantábrica”.

O deputado insta tamén a Adif a adoptar as medidas precisas para poñer solución á precariedade do único tren que ten A Mariña.

Download (PDF, 30KB)