Novas

O Ministerio de Defensa négase a renegociar o convenio urbanístico co Concello de Ferrol

A deputada Yolanda Díaz preguntou ao Goberno se tiña pensado substituír o actual convenio por un novo que permitise o desenvolvemento urbanístico da cidade e a cesión de edificios desafectados de usos militares.

Santiago, 7 de agosto de 2018.-  A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, dirixíase en xuño pasado, a través dunha iniciativa parlamentar, ao Ministerio de Defensa para demandarlle a negociación dun novo convenio entre o Instituto de Vivenda, Infraestructura e Equipamento da Defensa (INVIED O.A.) e o Concello de Ferrol que substituíse ao actual, firmado polo PP no 2015.

Esta actuación, reclamada ao Goberno desde o Concello, permitiría o desenvolvemento urbanístico da cidade e a cesión de edificios desafectados de usos militares. O Ministerio, a través do devandito Instituto, négase a negociar ao considerar que o actual convenio ten ainda “compromisos pendentes de atender por parte do Concello de Ferrol” e que estos son obxecto de conversacións pendentes entre ambas partes, acusando ao Concello de Ferrol de non dar resposta ás súas demandas.

De novo, o Ministerio de Defensa dá as costas á cidadanía de Ferrol e ao seu Goberno municipal. Seguiremos a insistir para que o Goberno de Pedro Sánchez mostre sensibilidade con esta cidade.