Novas

O Ministerio resposta a En Marea que “non é posíbel dar axudas directas aos agricultores afectados polas xeadas a finais de abril”

photo5958486431745813027

A deputada Alexandra Fernández pedía axudas aos afectados polas bruscas xeadas, con especial incidencia nos viñedos, e critica a “negativa do Ministerio porque os danos provocaron un enorme impacto nas producións agrarias de comarcas enteiras”

Resposta: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/71596416-c705-4cab-9864-ab82b95064fe/RESPOSTA_XEADAS_VIÑEDOS.pdf

Madrid, 3 de xullo 2017. O Ministerio que dirixe Isabel García Tejerina, o MAPAMA, acaba de respostar por escrito á deputada de En Marea, Alexandra Fernández, que “non é posíbel dar axudas directas aos agricultures” afectados polas bruscas xeadas de finais de abril, con especial impacto nos viñedos de comarcas de Ourense así como noutros cultivos.

Alexandra Fernández trasladou ao Ministerio a grave afectación que este brusco fenómeno meteorolóxico produciu nos viñedos e noutras plantacións das comarcas afectadas. Algo que recoñece o MAPAMA ao sinala que “a irrupción dunha masa de ar frío procedente do norte de Europa, provocou unha  brusca diminución de temperaturas, o que causou danos por xeadas en diversas producións como cereais, uva de vinificación e hortalizas”.

Non á declaración de desastre natural

Máis a pesar de admitir esta situación excepcional e o desastre causado nas plantacións, o MAPAMA nega a declaración de zonas de desastre natural, e indica á deputada de En Marea que “no caso das xeadas que afectaron a comarcas galegas, non parece xustificada a activación de medidas excepcionais”.

Non ás axudas

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentara unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para que o Goberno habilitase axudas directas a todos os afectados e afectadas polos danos nas súas producións agrarias, pero de novo o Ministerio nega este tipo de axudas e remítese únicamente aos seguros agrarios: “non é posíbel dar axudas directas aos agricultores con daño por xeada, cando os seguros agrarios indemnizarán os danos (…)”.

Para Alexandra Fernández o “NON a todo do Ministerio denota a pouca consideración que ten para cos moitos afectados de comarcas de Ourense e outras áreas de Galiza. Está a infravalorar o impacto que sofriron cando existen precedentes de axudas por desastres deste tipo que teñen un impacto enorme na economía de comarcas enteiras, no sustento de centos de familias”.

A deputada de En Marea reprocha ao Ministerio que “mire para outro lado nun problema que tal e como nos dí nesta resposta, afecta a moitísimos produtores. De feito, sinala o Goberno que se comunicaron sinistros por uva de vinificación en Galiza que afectou a 469 ha, dos casi o 71% están en Ourense. E os danos poden situarse no 80% en todas as denominacións”. Seguro que o Ministerio se queda corto, afirma Alexandra Fernández que pide a Tejerina que reflexione sobre este aspeito e dea marcha atrás na súa negativa.