Novas

A PNL de En Marea que pide impulsar un plan industrial para Navantia, apróbase por maioría absoluta no Congreso

photo5947565476668352646

“O primeiro que ten que facer o Goberno é cesar ao presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, que é un risco para esta empresa”.

Intervención: https://youtu.be/YtbvgwRqzDY

Madrid, 21 de marzo de 2017.  A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, defendeu este martes no pleno do Congreso dos Deputados impulsar un plan industrial para Navantia, que foi aprobado por maioría absoluta após acordar unha transaccional.

A favor votaron 334 deputados/as e houbo 6 abstencións, unha por erro e 5 do PNV.

O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a “impulsar, de acordo coa representación sindical do persoal, o Plan industrial da compañía Navantia, que contemple e defina as actividades estratéxicas para a mesma, tanto na construción naval como nos mercados onde xa orienta a súa diversificación, que manteña programas de reciclado ecolóxico de buques e de eólica offshore, e que defina os recursos que para iso se necesitan, así como os precisos para realizar un Plan de Investimentos en I +D+i e definir as necesidades do persoal que permitan o seu rexuvenecemento e a súa cualificación profesional, mantendo as retribucións salariais acordes a esa cualificación”, acordaron os grupos.

Díaz avanzou no seu discurso que seguimos “sen unha política industrial activa, sen un Ministerio de Industria”.

A deputada de En Marea destacou 3 fitos que foron negativos para o sector naval, como a entrada na CEE, a incorporación ao euro ou a crise de 2007, xestionada polo PSOE e o PP contra os traballadores deste país e contra o sector naval.

“Cando entramos na CEE convertémonos nun deserto industrial, perdendo un millón de postos de traballo. Na incorporación ao euro, máis especulación e nada de economía produtiva”, asegurou Díaz.

Ante esta situación, Díaz insistiu en que “xa podemos e queremos construir barcos” porque “xa non hai veto na construción civil”.

CESAR AO PRESIDENTE DE NAVANTIA

No seu discurso, a parlamentar de En Marea pediu o cese do presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, “que é un risco para esta empresa”.

“O primeiro que teñen que facer é cesar ao presidente Revuelta, un risco para esta empresa dado que levamos xa 300 millóns de perdas no 2016, no que é a peor xestión política que recordamos”.

Ademais, a parlamentar insistiu en garantir un sector “tecnoloxidazo” en mans do público para poder invertir e comerciar, ademais de un “rexuvenecemento do cadro de persoal e que se aproben os acordos das empresas auxiliares”.

“Pedimos que se poñan do lado dos modelos produtivos, da dignidade e da vida. Voten a favor e póñanse a traballar”, concluíu a deputada.