Novas

A presidenta de ADIF explicita a Fernán Vello o compromiso coa modernización da conexión ferroviaria Lugo-Ourense

photo5927014784006467410

O deputado de En Marea mantivo un encontro con Isabel Pardo de Vera sobre o défice de Lugo en ferrocarril e entregoulle o Manifesto da Plataforma de Defensa do Ferrocarril público de Monforte

Madrid, 18 de outubro 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, mantivo na sede de Adif en Madrid un encontro coa Presidenta do ente, Isabel Pardo de Vera, para pedirlle que atenda ao grande défice que padece o territorio lugués en materia ferroviaria e se empecen a adoptar medidas.

O deputado de En Marea, quen entregou á Presidenta de Adif as iniciativas parlamentares realizadas na Cámara Baixa sobre as deficiencias de Lugo no ámbito do ferrocarri en cuestións de competencia do ente e as principais peticións, tamén lle fixo entrega do Manifesto da Plataforma en Defensa do Ferrocarril creada na comarca de Monforte de Lemos. A Presidenta do Adif comprometeuse a estudar e analizar todos os temas, sendo xa coñecedeora do atraso que sofre o territorio lugués en canto ao tren.

Encargáronse tres variantes para o LAV Lugo-Ourense

Fernán Vello puxo enriba da mesa o grao de execución da electrificación da liña Monforte-Lugo-Ourense, a necesidade de mellorar a liña Monforte-Valdeorras-Ponferrada-Palencia de cara a posíbel aprobación por parte da UE da ampliación do Corredor Atlántico mediante esa vía, a conexión da liña LAV Lugo-Ourense, a situación de grave deterioro da liña de ancho métrico que pasa por A Mariña (a antiga Feve), o Plan de supresión dos pasos a nivel e a remodelación imperiosa da Praza de Conde de Fontao onde se sitúa a estación de tren en Lugo.

Isabel Pardo de Vera amosou a Fernán Vello o se compromiso coa execución da liña LAV Ourense-Lugo, anunciándolle que Adif encargara tres variantes para proceder á modernización da liña e rectificación do trazado e que agarda que os proxectos poidan estar listos en breve e poder licitar o vindeiro ano. Explicitou a En Marea o seu total compromiso coa execución desta conexión que considera importante.

Estudos de Movilidade da liña de ancho métrico

En canto á liña de ancho métrico, da que o deputado de En Marea lle enumerou todas as deficiencias e problemas e debullou a súa situación de práctico desmantelamento. Pardo de Vera respostoulle que encargara un Estudo de Movilidade de toda a cornisa Cantábrica e que o imediato sería facer un Plan para asegurar as trincheiras. Admitiulle que o futuro da antiga Feve pasa por ser unha liña de cercanías pero non para longas distancias posto que os tempos non poden ser competitivos. Fernán Vello insistiulle na necesidade de adoptar medidas urxentes para non deixalo esmorecer.

Para a Praza Conde de Fontao: estación intermodal

No que atinxe á degradación da Praza de Conde de Fontao en Lugo, parte dela ocupada pola estación de tren, a Presidenta de Adif recoñeceulle o seu “feísmo” e anuncioulle que ademáis do aparcadoiro que se está a facer, propuxo a sinatura dun Protocolo co concello e coa Xunta para avanzar nunha estación intermodal e mellorar todo o perfil da praza.

Concordou con Fernán Vello na necesidade de efectivizar canto antes a eliminación dos pasos a nivel como un punto fundamental para levar a cabo a mellora da plataforma e a electrificación.

Compartiu co deputado de En Marea a importancia de traballar en pro da reforma e modernización do tren en Lugo e Monforte, e da operatividade do Porto Seco, actualmente en estado de parálise, dado que todo parece indicar que a UE poderá dar luz verde á ampliación do Corredor Atlántico mediante a liña Monforte-Valdeorras-Ponferrada-Palencia. Fernán Vello apremiouna a non esquecer que de momento, Galiza só ficaría conectada ao Corredor Atlántico de Redes Transeuropeas de Transporte através de Monforte, co cal debemos preparar óptimamente as infraestruturas.