Nacín hai 35 anos. Vivo na cidade vella da Coruña aínda que, ao construír unha familia mestiza (parte galega, parte belga, parte italiana) vivín, nos últimos anos, a saltos entre A Coruña e Italia. O meu perfil profesional é, como acostuma nas xestacións precarizadas, heteroxéneo. Vinculado ao mundo agrario, concretamente ao sector lácteo, pero tamén ao xornalismo, ao urbanismo participativo, a intervención comunitaria e a economía social.
A miña existencia está felizmente atravesada pola aprendizaxe, vital e política, de anos participando en iniciativas de activismo social e transformación desde os movementos cidadáns tanto a nivel do país como a escala global. Coa democracia e os dereitos humanos no centro, tiven a fortuna de poder participar en América Latina, Oriente Medio e África, de experiencias de solidariedade, cooperación e observación de dereitos humanos en diferentes experiencias e comisións internacionais.
Participei do lanzamento e construción da Marea Atlántica. Movín ficha e participei do lanzamento de Podemos. Trato de aprender cada día dunha pequena de sete meses que medra e nos lembra as cousas importantes da vida. Busco a liberdade da montaña e “Il gattopardo” é para min, ademais dun filme fermoso, unha referencia fundamental. É tempo de cambio, é tempo de navegar En Marea: para que todo mude, para que nada siga igual.
Son licenciada en Dereito, e creo nunha xustiza que nace dende abaixo, levo toda a miña vida traballando para mellorar e mudar as cousas. Teño unha formación en Recursos Humanos, en Urbanismo e en Relacións Laborais. París e Bretaña foron lugares importantes para a miña experiencia profesional, e exercín de avogada ata que, no ano 2012, saín elixida deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento de Galicia e son a actual vicevoceira de AGE.
Sempre manifestei o meu compromiso e activismo social implicándome no colectivo Xustiza e Sociedade, así como na Agrupación de Xóvenes Avogados, dedicándome de forma especial ao movemento feminista.
Estou convencida de que entre todas podemos transformar a dura realidade que nos toca vivir. Como dicía o poeta, ‘os tempos son chegados’ de liberarnos das cadeas que nos oprimen para termos un horizonte de esperanza. EN MAREA representa ese movemento de esperanza, xuntas podemos e debemos poñer as persoas por riba dos intereses espúreos duns poucos. Quero que a miña filla Carmela, unha nena marabillosa de tres anos, poida vivir nunha Galicia mellor.
Nacín en Chantada no ano 1969 e levo vivindo en Santiago e Ames desde o ano 1987. Coñezo ben esa Compostela que é aberta ao país e ao mundo, coñezo ben a realidade social de Ames e as áreas urbanas das cidades galega, coñezo ben a cidade da Coruña, o territorio dos avós e a nai das miñas fillas, e por motivos profesionais coñezo ben o país.
Son politólogo pola USC, traballo como investigador social e consultor público en moi diferentes campos. Creo que os seres humanos podemos cambiar o noso futuro, utilizando a intelixencia, as mans e as vontades en común. Sempre apostei polas iniciativas civís no social, no profesional ou no político, pódese innovar cooperando. Fun decano do Colexio de Sociólogos e Politólogos de Galicia, colaboro en diferentes medios de comunicación, e en 2013 recibín o premio Ramón Piñeiro polo meu ensaio Para que nos serve Galiza?. Unha proposta para repensar un proxecto de país que inclúa a todos e todas, que nos permita mellorar como persoas e de xeito colectivo.
Desde os primeiros momentos apostei por alternativas cidadás nas que a xente é a protagonista, onde a democracia non se conta, exércese. As mareas foron ese aire fresco, esa nova forma de facer que demostrou que a política podía ser outra cousa, e vencer a quen nos aseguraba que non había alternativa. Demostraron que se podía. Queremos cousas básicas e moi radicais: #pan #traballo #teito #liberdade #igualdade #fraternidade #democracia #EnMarea
Nacín na Coruña en 1986 e vivo dende sempre no barrio do Ensanche. Son Diplomado en Traballo Social, técnico en Acción Humanitaria e Posgrao en Dirección e Planificación de ONG.
Dende moi noviño intereseime por un campo de activismo particular: A defensa dos animais e o plantexamento de melloras lexislativas neste eido. Así me involucrei na loita contra a pervivencia das touradas e dos seus millonarios subsidios públicos.
Nos últimos anos teño participado coa Asociación Animalista Libera e a plataforma Galicia, “Mellor Sen Touradas” na elaboración de iniciativas lexislativas, como a recente reforma da Lei de Protección Animal de Galicia, da que fun redactor.
Son filla de emigrantes. Nacín en Venezuela hai 57 anos e son nai dunha filla e un fillo. Desde os dous anos vivo e traballo na Coruña, no barrio de Monelos. Son traballadora bancaria desde os 16 anos e licenciada en Socioloxía pola UNED.
Militante nacionalista desde remates do 1975 e na actualidade dentro das filas de ANOVA-IN, participei na creación de distintas organizacións en defensa dos dereitos das e dos cidadáns: feministas, anti-represivas, así como no movemento veciñal da Coruña. Sen esquecer a creación da central sindical nacionalista ING (xermolo da actual CIG) desde o sindicato de bancarias UTBG. Na actualidade, formo parte da executiva nacional da Federación de Banca da CIG, así como do Consello Confederal desta central sindical.
Como muller, traballadora e galega, comprométome a traballar en prol de mudar este sistema, achegando a miña experiencia nun milleiro de batallas, porque estou convencida de que Outro Mundo é Posíbel.
Nacín no Bierzo e levo máis de 25 años vivindo en Santiago de Compostela, onde me licenciei en Historia. Dende 1998 traballo como profesional da arqueoloxía, inicialmente como autónoma e posteriormente como socia dunha empresa de xestión do patrimonio cultural.
Polo camiño fixen outras moitas cousas, iniciei o meu doutoramento no departamento de historia I da USC, no que fun bolseira de proxectos, realicei estadías noutras universidades (como Reading, UK, ou Łódź, Polonia). Fun profesora da ESO nun colexio e impartín clases particulares de piano, instrumento no que posúo o grao medio. Considérome unha muller feminista e politicamente implicada, e como tal teño participado, dende a miña época do instituto ata a actualidade, en todo tipo de mobilizacións de carácter social e sindical.
As persoas que aquí estamos queremos transformar as cousas e sabemos que En Marea vai ser o instrumento necesario para esa mudanza. Ademais, consideramos imprescindible que Galicia, a terra na que vivimos e na que cremos, estea representada de xeito claro, evidente e audible en todas e cada unha das fases deste proceso de cambio que debe de producirse en todo o estado.
7. Miguel Castro Serantes
Son mestre de Educación Primaria, profesión que exerzo desde hai dez anos. Este feito marca quen son, pois aparte de ser o meu sustento tamén é a miña paixón, pois creo que o traballo co meu alumnado é a máis importante labor social que podo exercer.
Desde fai vinte anos veño participando en movementos sociais de diversa índole, desde asociacións culturais, ONGD, medios de comunicación comunitarios, etc. Nos últimos anos entendín coma necesario o meu paso dos movementos sociais cara a actividade política.
Estou En Marea porque entendo coma necesario un cambio radical nas políticas neoliberais e antidemocráticas que se están a exercer nos noso país. Estou En Marea porque debe ser o impulso que nos axude cara a unidade da esquerda política e social. Estou En Marea porque as persoas que cremos noutro horizonte necesario debemos poñer a nosa pinga de auga por pequena que sexa. Estou En Marea porque a desidia e a indiferenza a debemos trocar en esperanza, ilusión e compromiso.
Teño 27 anos, son licenciada en Dereito e actualmente traballo como avogada. Exerzo a profesión dende a firme convicción de que o Dereito e a Xustiza deben camiñar da man.
A miña toma de conciencia política se inicia dende moi nova, cos movementos de Nunca Mais e Non a Guerra. Estou moi vinculada á política municipal como coordinadora de Esquerda Unida en Cambre e a través da miña participación na Marea da Asamblea Cidadá de Cambre. Admiro a política municipal por ser a que palpa directamente cos problemas da xente, pero son consciente de que a transformación da realidade nos municipios está moi limitada por políticas como a estatal.
A miña motivación para presentarme nesta candidatura ven dada pola necesidade de transformación e construción de políticas alternativas para o noso futuro, ademais de estar totalmente convencida de que só un pobo unido é capaz de recuperar a soberanía roubada.