1. David Bruzos Higuero
David

Son ourensán e teño 36 anos. Vivín no barrio das Lagoas a maior parte da miña vida. Son pai de dúas fermosuras de 2 anos e un mes. Con 18 anos marchei a Compostela a estudar a licenciatura en Química e anos máis tarde postgradueime en Física Aplicada. Fai 12 anos que son profe de Física e Química, aínda que nos últimos dous anos adico gran parte do meu traballo á defensa do ensino público galego, laico e igualitario.

Participei en Nunca Máis, na Comisión de Denuncia de Galiza, nos movementos anti-LOE, na asemblea por unha vivenda digna, Plataforma galega antitransxénicos ou a Rede galega de consumo responsable. Veño compartindo proxectos sociais, culturais e ecoloxistas diversos, tanto a nivel local como galego con outras tantas persoas que cremos na autoxestión e no ben común. Tiven a sorte de coñecer Chiapas, Oaxaca e Cisxordania como parte de proxectos de cooperación e observación de dereitos humanos.

Chamamos a todo o mundo non só a soñar, senón a algo máis simple e definitivo: espertar!

Teito, terra, traballo, pan, saúde, educación, independencia, democracia, liberdade, xustiza e paz. E por suposto: mandar obedecendo!

2. Sofía Díaz Gómez

Traballadora social dende hai máis de vinte anos, actualmente traballo con persoas maiores, tamén o fixen nos ámbitos de atención primaria, saúde, menores e en asociacións, como empregada e como voluntaria.

Dende hai uns anos, participo en Esquerda Unida, en Ourense e en Santiago de Compostela, na área de políticas sociais. Participo políticamente e socialmente porque creo na posibilidade de que vivamos nunha sociedade máis xusta, solidaria e democrática. Creo na posibilidade da implicación da xente en xeral no activismo social e político, para que haxa unha cidadanía ourensá activa que loite contra a corrupción, que deixe de ser sumisa ante o caciquismo e que non queira caer nas súas redes clientelares.

Realizar o máximo esforzo unitario entre persoas, organizacións e colectivos para conseguilo é unha esixencia cívica, democrática e moral. Para elo, aquí estamos, En Marea, que así sexa!

3. Carmela Docampo Paradela

Nacín en 1960, teño dous fillos e vivo no Barco de Valdeorras (Ourense). Estudos de FP administrativa.
A mediados dos setenta formei parte da AA. VV. de San Roque do Barco, implicándome na loita pola apertura do Hospital Comarcal Valdeorras e pola ampliación do ensino de FP. A consecuencia da crise dos 80, en 1982 trasladei a miña residencia a Barcelona, onde residín durante 30 anos, e me integrei en movementos sociais: Movemento pola Paz “NON Á OTAN”,
o Movemento Feminista de Catalunya ou a AMPA, en defensa da escola pública.

Afectada pola actual crise económica en 2012 regreso ao meu pobo natal onde formo parte da directiva do Ateneo Republicano de Valdeorras (asociación cultural de ámbito comarcal) e dun incipiente grupo feminista do Barco promovendo un “Cine-Forum da Muller”. Actualmente son secretaria xeral de Podemos O Barco de Valdeorras.

A miña motivación para integrarme neste proxecto é a de colaborar para construír unha democracia real e participativa ao servizo da maioría da poboación. A igualdade de oportunidades, a paridade de xénero en todos os ámbitos e a non discriminación social pola orixe territorial ou de clase son os eixes nos que me recoñezo. Como muller rural e como galega síntome obrigada a participar no cambio que queremos.

4. Víctor Manuel Gil Lamas

Nacín en Orosa unha aldea do Concello de O Irixo da provincia de Ourense, e vivín alí ata que fixen o Bacharelato no Carballiño. Unha vez rematado aprobei unas oposicións e dende aquela levo 23 anos traballando como Auxiliar Técnico de Servizos Xerais na Universidade de Vigo, no Campus de Ourense.

A pesares de non poder residir na miña aldea por motivos de traballo, sempre estiben moi relacionado coas cuestións do meu Concello, participando en asociacións de carácter municipal, e ultimamente coa problemática da “Incineradora do Sur”, participei activamente na asociación INCINERADORA NO IRIXO NON.

Dende moi novo estiven vinculado a política municipal, participando primeiro como simpatizante do BNG, para logo integrarme en ANOVA-IN e nas derradeiras eleccións municipais participando na candidatura de FAI O IRIXO unha agrupación de electores que acadou representación no Concello. Participo na coalición ENMAREA porque creo que e fundamental acabar co bipartidismo do Estado Español, que nos ataca como Pobo, cidadanía e Nación Galega.