Novas

Yolanda Díaz esixe máis información para o acceso das mulleres aos trámites da cotitularidade compartida das explotacións agrarias

NNN

Hoxe reuniuse co Sindicato Labrego Galego para presentarlle a PL de reforma das pensións

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017. A voceira e deputada de En Marea no Congreso reuniuse esta mañá coa dirección do Sindicato Labrego Galego para presentarlle a Proposición de Lei de reforma das pensións que o Grupo Confederal vén de rexistrar na Cámara Baixa. Esta xuntanza enmárcase na serie de reunións que En Marea está a realizar cos sindicatos e federacións de pensionistas, tanto para dar a coñecer a iniciativa como para recoller as valoracións e achegas que os sindicatos fagan á mesma.

Yolanda Díaz insistiu no ambiciosa que era Proposición de Lei que pretende derogar os aspectos regresivos das dúas últimas reformas laborais, que inclúen como destacados cambios a viabilidade de poder xubilarse aos 61 anos tendo os 35 anos cotizados, ou “a supresión do índice de revalorización, xa que as pensións teñen que estar vencelladas ao IPC”. Neste senso, a voceira de En Marea denunciou que En Marea combate o discurso que se está dando no Pacto de Toledo, oa que definiu como “un armazón ideolóxico para seguir recortando as pensións, baseándose nas pensións deficitarias, cun discurso centrado na separación de fontes de financiación. Díaz manifestou que a separación de fontes é un tema xa superado, e hai que cumplir co mandato constitucional no que o Estado está obrigado a inxectar directamente financiación desde os orzamentos se fora preciso. “Temos dereito a pensións dignas e temos que rachar co factor de contributividade, xa que na actualidade xa hai moitas pensións sufragadas polos orzamentos e non pasa nada, debemos seguir defendendo un sistema público de pensións.

A voceira de En Marea tamén informou das iniciativas que se van presentar nos vindeiros días no Congreso dos Deputados relativas á Lei 35/2011, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Como lembrou Yolanda Díaz en Galicia, ao igual que no resto do Estado existen limitacións legais ao acceso á propiedade agrícola por parte das mulleres, e aínda que esta lei estaba pensada para tentar arranxar esta situación, o certo é que na actualidade só 14 mulleres en Galicia se acolleron aos beneficios que ofrece a normativa.

Así, Yolanda Díaz destacou que o principal problema é o complicado que é poder tramitar a documentación para poder acceder aos dereitos que ofrece a Lei de titularidade compartida das explotacións agrarias, ao que hai que engadir a propia falta de información que ten o persoal da administración desta lexislación para axudar nos trámites. Neste senso, a deputada de En Marea reclama máis formación ao persoal da administración que debe ocuparse dos trámites estipulados nesta Lei. Nas iniciativas que se rexistrarán no Congreso, Yolanda Díaz tamén pregunta ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, polos resultados trala aplicación desta lei, cantas mulleres se teñen beneficiado das bonificacións que se recollen na actual normativa, e cal é a conclusión que fai o executivo tras a posta en marcha desta iniciativa.

As próximas xuntanzas cos sindicatos para presentar a Proposición de Lei de Reforma das pensións están programadas para o mes de setembro.