Novas

Alexandra Fernández urxe a Fomento negociar o Real Decreto de reforma do servizo portuario co sector da Estiba para chegar a un acordo

photo5868507639988725715

A deputada de En Marea pide ao Ministro Iñigo de la Serna que “asuma a súa responsabilidade e que abra un espazo real de negociación do decreto”

Madrid, 22 de febreiro de 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, mantivo esta mañá unha xunta con representantes sindicais do sector da estiba da Coordinadora e de UGT após do anuncio de Fomento de levar este venres ao Consello de Ministros o Real Decreto Lei de reforma do servizo portuario.

A parlamentar de En Marea escoitou as queixas e as críticas dos estibadores que queren que o Goberno abra ao diálogo e á negociación o polémico real decreto a fin de consensualo e poder acadar un acordo.

Os estibadores trasladáronse á deputada que se sinten enganados, porque “os Ministerios estanse pasando a pelota uns aos outros para non negociar”, asegurou Fernández, tras coñecer que o Ministerio de Fomento derivou ao Ministerio de Emprego e tres horas antes da reunión, Emprego decidiu non personarse e enviar a un mediador.

“Os sindicatos transmitiron a En Marea que estas negociacións non son reais porque non hai un interlocutor válido, con capacidade para modificar o decreto”.

O malestar do sector da estiba ven provocado polas afirmacións do Ministro de Fomento de que non vai cambiar o calendario de aprobación do Real Decreto, que podería ir a un Consello de Ministros este mesmo venres.

Os sindicatos tamén lle transladaron a En Marea que están dispostos a negociar “até o último momento” pero que o que piden é “unha negociación real”.

Neste sentido, Alexandra Fernández emprazou ao Ministro de Fomento a escoitar ao sector e abrir á negociación do decreto de reforma do servizo portuario como a “mellor vía de solucionar o conflito”.

Para a deputada de En Marea “resulta absolutamente contraproducente botar leña ao lume e anunciar que se vai levar o real decreto ao Consello de Ministros deste venres”.