Fernán Vello desmontou “as falsedades, mentiras e patrañas da dereita e estrema dereita sobre a situación da lingua galega. En Galicia aínda temos que lidiar coa diglosia. Non existe igualdade lingüística, reclamamos igualdade”.
Madrid, 13 de febreiro de 2019. A Comisión de Cultura do Congreso aprobou esta tarde a proposición non de lei de En Marea que insta ao Goberno do estado a garantir a normalización da lingua galega e a cumprir cos dereitos lingüísticos recoñecidos. A proposición contou cos votos en contra de PP e C´s que se centraron exclusivamente nos castelánfalantes.
Na súa intervención, Fernán Vello puxo de manifesto que os dereitos lingüísticos de galegos, vascos e cataláns incúmprense sistemáticamente por parte da Administración do estado. Remarcou que “vivimos nun estado plurilingüístico e aínda que sobre o papel hai normativas en materia lingüística, sempre houbo unha resistencia obstinada a aceptar a riqueza lingüística, o que tildou de “anomalía incomprensible”, dado que o galego é unha lingua cooficial, o estado español asinou un Tratado Internacional que é a Carta Europea de Linguas Minorizadas e existe unha legalidade lingüística.
Ademais, explicou que en 2002 o Goberno español asinou un Tratado Internacional de máximo nivel, a Carta Europea, optando polo maior grao de protección posíbel para o galego, o catalán e o euskera. Mais, pasou a reseñar os incumprimentos no eido do ensino, na xustiza, nos medios de comunicación ou na atención da Administrión do estado. De feito, aludiu aos distintos informes do Comité de Expertos da Carta que criticaron sempre a falla de medidas para avanzar na normalización lingüística.
As “patrañas de dereita e da estrema dereita”
O deputado de En Marea afirmou que “queremos desmontar as falsedades e as mentiras e patrañas da dereita e da estrema dereita. En Galicia aínda temos que lidiar coa diglosia para describir o que no meu país sucede. Conviven dúas linguas pero o español ten un estatus superior ao galego, non hai igualdade. Eso é o que reclamamos, a igualdade lingüística”. Ademais, criticou aos que “pretenden retorcer a realidade con artes manipulatorias pero a realidade é tozuda: o galego vive un grave retroceso tal e como poñen de manifestó infinidade de informes académicos, universitarios e de expertos. A mocedade emprega cada vez menos o galego”.
Enumerou moitos incumprimentos: ser atendido en lingua galega na Administración Xeral do estado, non poder renovar o DNI ou o pasaporte en galego, recorrer unha multa, encher formularios, poñer unha denuncia, trámites diante da Axencia Tributaria, ou ter documentos en formato bilingüe. Tamén denunciou a falta de respecto á toponimia oficial galega por parte de Ministerios e outros organismos como recentemente Fomento. Mencionou casos como o dos concellos de Teo, Santa Comba e Santiago aos que o Instituto para a Diversificación denegou unha axuda para a renovación do alumeado público debido a que foran presentados en lingua galega. Igual que falou da anomalía en situacións nas que funcionarios/as néganse a tramitar expedientes en galego. Asemade, fixo referencia ao poucos avanzos feitos no ámbito da Xustiza onde non hai normalidade para desenvolver procedementos penais ou administrativos. Rematou coa referencia ao eido dos medios de comunicación públicos, obxecto de recortes en programación en lingua propia.
O deputado tamén lembrou que o maior número de queixas da cidadanía por vulneración dos dereitos acumúlao a Administración do Estado e a Xunta. Fernán Vello rexeitou de plano a emenda presentada por Ciudadanos porque “veñen aquí cos seus falsos estribillos cando non están en xogo os dereitos de castelán falantes. Non manipulen a realidade. Sexan responsábeis”.