Novas

En Marea anuncia que solicitará a comparecencia do ministro de Fomento para que informe da situación da saída sur de Vigo

photo5816906975181647636

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, interesouse polo estado da infraestruturas da Eurorrexión durante a reunión mantida esta mañá co Secretario Xeral do Eixo Atlántico
Vigo, 17 de decembro de 2018.- Após da xunta mantida esta mañá co Secretario Xeral do Eixo Atlántico, a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández anunciou que vai solicitar a comparecencia na Cámara Baixa do Ministro de Fomento para que dea cumprida información sobre o estado do proxecto ferroviario de saída sur de Vigo.

A deputada mantivo un encontro co secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, para interesarse polo estado das infraestruturas da Eurorrexión ao fío da reunión que este tivo co Secretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio, e na que se evidenciou a ausencia de datas concretas para avanzar nos proxectos.

A deputada de En Marea deu conta ao Secretario Xeral do Eixo da proposición non de lei aprobada o pasado 20 de setembro no Congreso a iniciativa de En Marea para que se impulse a saída sur de Vigo. “Hai un apoio do Congreso neste sentido que debe contar co compromiso do Ministro de Fomento. De momento, non vislumbramos pasos cara adiante cunha infraestrutura necesaria e fundamental que debería ser unha prioridade no mapa das conexións ferroviarias”.

Ademais, engadiu que En Marea demandará ao titular de Fomento non só que execute íntegramente a partida contemplada nos Orzamentos do Estado senón que aumente as consignacións de cara as vindeiras contas do estado.

Fernández considera que Vigo debería ter un eixe de mobilidade con Portugal porque se trata dunha área de importante peso económico-industrial e un eixe de importante peso poboacional.

“Algo que apoia a Eurocárama, o ámbito social, político e económico pero que precisa da vontade política clara do Executivo español. Ten que haber maior esforzó e compromiso”.

Pola súa parte, o Secretario Xeral explicou á deputada de En Marea os resultados da reunión celebrada a pasada semana en Madrid no que atinxe á saída sur de Vigo e á ampliación do Corredor do Atlántico.