Novas

En Marea considera “intolerable” que o Santander despida milleiros de traballadores en Galicia “tras un proceso de liquidación bancaria ilegal”

photo5868340204983659207

“É intolerable que o Banco Santander, que ten beneficios millonaroios, despida a milleiros de traballadores/as, como está facendo”, asegurou Yolanda Díaz.

“Denunciamos que a operación de liquidación do Banco Popular-Pastor en mans do Santander é ilegal e fraudulenta. Hai unha confabulación do oligopolio financeiro español, dos accionistas, dos diretivos, para liquidar o Banco Popular Pastor”, afirmou o deputado Manuel Lago.

A Coruña, 11 de decembro de 2017. A deputada e voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, e o deputado no Parlamento, Manuel Lago, presentaron este luns as iniciativas rexistradas sobre a redución do persoal e oficinas por parte do Grupo Santander no proceso de liquidación do Banco Popular e do Banco Pastor, así como sobre o mantemento da marca e da personalidade xurídica  do Banco Pastor.

“É intolerable que o Banco Santander, que ten beneficios millonaroios, despida a milleiros de traballadores e traballadoras, como está facendo”, asegurou a deputada.

En Marea rexistrou no Congreso varias iniciativas, entre outras, unha batería de preguntas ao Goberno, unha PNL relativa ao mantemento da marca e a personalidade xurídica do Banco Pastor e da súa estrutura territorial de oficinas e plantilla e unha solicitude de comparecencia do secretario de Estado de Economía para informar sobre o ERE.

“Hoxe mantivemos unha xuntanza coa represetación sindical do conglomerado Santander-Popular-Pastor e trasladáronnos as súas preocupacións, centradas concetramente nos despedimentos a través do ERE”, sinalou Manuel Lago.

Lago e Díaz insistiron en que estamos camiñando cara un modelo de “precariedade absoluta” que nos sitúa ante un problema laboral “moi grave” porque “máis aló de que no ERE se pacten condicións máis ou menos ventaxosas para os traballadores despedidos, a realidade é que vanse perder 1.500 empregos, 400 na Coruña”.

Pola súa banda, Yolanda Díaz insistiu en que estamos ante unha “operación fraudulenta que demostra que non somos soberanos, senón que hai poderes económicos alleos a nós, como o sector financeiro que está tomando decisións moi graves contra o noso país e a nosa xente”.

“Estamos radicalmente en contra deste ERE, estase liquidando o sistema financiero galego”, engadiu Díaz.

BANCO PASTOR

En Marea presentou unha PNL relativa ao mantemento da marca e a personalidade xurídica do Banco Pastor e da súa estrutura territorial de oficinas e plantilla.

“Temos a necesidade de seguir defendendo a continuidade do Banco Pastor, con personalidade xurídica propia. O Banco Pastor ten un enorme prestixio dentro cidadanía galega, algo que non respeta o Banco Popular e Santander”, asegurou na rolda de prensa Manuel Lago.

Os parlamentarios insistiron en que o Santander “está facendo unha operación fraudulenta, de manter o Banco Pastor como un cartel pero liquidando a cultura da entidade e a implantación en zonas con poucas oficinas”.

Ademais, En Marea denunciou a confabulación do oligopolio financeiro español, dos accionistas, dos diretivos, para liquidar o Banco Popular Pastor.

“Existen amplas posibilidades de que esa operación sexa declarada ilegal. O Banco de España debería impedir que o Banco Santander tomara decisións irreversibles. O ERE é unha medida irreversible, polo que consideramos que ese ERE debería de ser paralizado polo Banco de España”, aseguraron Lago e Díaz.