Santiago, 25 de febreiro de 2018. A voceira de en Marea no Congreso, Yolanda Díaz, mantivo este luns unha xuntanza co Comité de Empresa de Bosch Vigo para falar do ERE da empresa a 800 empregadas.
“Facemos un chamamento a defender os postos de traballo en Vigo, estamos á súa disposición. Levaremos esta problemática, consecuencia da reforma laboral ao Congreso. Empregaremos todos os recursos para apoialas”, asegurou Díaz.
As traballadoras denunciaron que están implantando un ERE que non está xustificado, porque a empresa deu “unha documentación que non é válida” e argumentan que “son causas organizativas, pero non temos documentación suficiente para valoralo”.
“Unha cidade non pode perder estes postos de traballo, é moi grave. Estamos a falar de grandes multinacionais que están facendo coa xente o que lles da a gana”, denunciou a deputada de En Marea.
Díaz destacou que, co marcho lexislativo que temos actualmente, en referencia á reforma laboral, “poden facer o que queiran” e lembrou que En Marea rexistrou a pasada semana “unha proposición de Lei antideslocalización para colocar ao noso país ao nivel dos restantes países europeos”.
“Pedimos medidas para as grandes multinacionais, nun proceso de internalización da economía, teñan compromisos firmes nos territorios nos que se ubican”, sinala a deputada, que remarcou que, a proposta de En Marea é que unha multinacional, se está en Vigo, ten que permanecer polo menos durante 10 anos e no caso dun ERE “debe devolver ata o último céntimo de axudas públicas recibidas”.
Ademais, destacou que está por ver como se xustifica este ERE ante os tribunais, porque “parece que non reúne os requisitos formais para ser aprobado” e incidiu en que estamos falando “dun sector precario” que afecta na súa maioría ás mulleres, polo estamos fartas de ser sempre as grandes sacrificadas con salarios máis baixos, cando falamos de multinacionais con beneficios millonarios”.