Novas

En Marea empraza a Celaá a ser “coherente” e modificar o sistema de bolsas universitarias que foi endurecido por Wert en 2013

photo5884380207027171047

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello presentou varias iniciativas parlamentares para que a Ministra de Educación elimine a parte variábel das axudas a estudantes universitarios que tantos problemas lles xenera e causa importantes retrasos no pagamento

Madrid, 11 de xaneiro de 2019. O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou varias preguntas parlamentares e vai rexistrar unha proposición non de lei para emprazar á Ministra de Educación, Isabel Celaá, a “ser coherente coa posición que mantiveron estando na oposición” e proceder canto antes á modificación do sistema de bolsas xerais de Universidade que o anterior Goberno do PP, con Wert á cabeza do Ministerio, empiorou e dificultou “na liña propia do PP de instaurar políticas elitistas, regresivas e que atentan contra o dereito ao acceso universal na educación”.

O deputado de En Marea reclama ao Goberno de Sánchez que se volte ao sistema de bolsas anterior á reforma do PP en 2013 e lémbralle que o PSOE foi moi crítico con esta modificación cando gobernaba Rajoy. Fernán Vello salienta o rexeitamento da comunidade educativa a este sistema de bolsas e pide a Celaá que tamén leve a cabo un cambio no calendario de solicitude e concesión destas axudas de xeito que se resolvan as resolución antes do inidio do curso académico, facilitando o acesso especialmente a estudantes en situación socio-económicas máis desfavorábeis. Demanda que se ingresen as contías na súa integridade no primeiro trimestre do curso.

“Desafacer as desfeitas do PP no sistema de bolsas”

Fernán  Vello explica que En Marea ten reclamado este cambio ao longo de toda a lexislatura mais co PP no Goberno sempre se opuxo. “Agora goberna o PSOE que censurou a modificación de Wert. Sería moi oportuno que se aproveitase o marco de reforma da LOMCE para que a Ministra restitúa tamén o sistema de becas xerais á situación anterior, completando así un marco de reforma educativa amplo”.

É preciso lembrar que o PP fixo unha modificación do sistema de concesión de becas de Universidade estabelecendo unha parte fixa e outra variábel que provoca enorme inquedanza e causa enormes restrasos no pagamento das axudas que ás veces chegan a final de curso. “A demora no pagamento provoca importantes problemas económicos aos sectores sociais con menos recursos económicos, o que leva a moitos estudantes a abandoar os estudos ou ter que compatibilizalos con traballos que lles restan tempo para estudar”. Neste sentido, puntualiza Fernán Vello, a comunidade educativa, a CRUE, teñen criticado a vinculación “da parte variábel co rendemento académico porque se ten demostrado que estudantes con situaciones económicas precarias son os que máis precisan as becas pero vense obrigados a traballar, situación que  repercute negativamente no seu  rendemento”. Polo tanto, “que fixo o PP? Dificultar o acceso á educación de persoas con condicións socio-económicas piores. Educación elitista”.

“Instamos ao Goberno de Sánchez a reflexionar sobre este tema, mellorando o sistema de becas porque son unha parte fundamental para incentivar o acceso universal e a igualdade. De feito, investigacións internacionais indican que as bolsas melloran significativamente o acceso, a continuidade na carreira, a graduación e o futuro”.

Download (PDF, 127KB)