Novas

En Marea levará ao Congreso as problemáticas das funcionarias/os de prisións en Galicia

photo5789587942342241309

En Marea tamén denunciou o bloqueo e impedimento por parte do Secretario Xeral de Institucions Penitenciarias, Ángel Yuste, para poder visitar as prisións galegas e coñecer de primeira man as problemáticas.

A CORUÑA, 19 de febreiro de 2018. A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, mantivo unha xuntanza este luns con representantes sindicais de Institucións Penitenciarias da provincia de A Coruña para coñecer as súas demandas.

“Tivemos esta xuntanza para abordar unha problemática que as traballadoras/es levan arrastrando 6 anos. Estamos a falar dun servizo público que ten que ver cos dereitos fundamentais”, sinala a parlamentar.

Díaz destacou especialmente as “enormes deficiencias coas que están a traballar nas prisións en Galicia: incumprimentos severos relativos á rehabilitación social da poboación reclusa, carencias de persoal tanto de efectivos como de recursos necesarios poder prestar servizos de calidade, e isto son riscos relativos á prestación do servizo público”, sinalou.

En Marea comprometeuse a presentar iniciativas no Congreso para tratar de buscar unha solución a esta cuestión.

“Imos pedir pregunta oral en Comisión para que comparezca o Secretario de Estado e dea explicacións do que están a facer nesta materia. Tamén presentaremos PNLs para instar ao cumprimento das tablas de reivindicación das traballadoras/es, e preguntas para respostar as distintas cuestións plantexadas”, apunta.

Pola súa parte, Pedro Vázquez, responsable sindical da provicia de A Coruña, informou da manifestación en Madrid que celebrarán o día 24.

“Denunciamos deficiencias no sector e falta de interés de negociar por parte da Dirección Xeral”, sinalou.

“Somos un colectivo que sufriu especialmente a crise. En 5 anos non se repuxeron efectivos, temos 3.000 vacantes e unha idade media moi elevada. Esto, sumado ao cambio de perfil no tipo de internos, supón un problema de agresións a funcionarios”, denuncia Vázquez.

Segundo explicou, están reivindicando “recuperar o poder adquisitivo destes anos de crise” polo que piden eliminar !a diferenza entre as diferentes prisións do Estado!.

“As medidas económicas teñen un coste de 155 millóns de euros para un colectivo de 20.000 traballadores. Se comparamos cos 62 millóns que a Administración Pública está investindo en contratar seguridade privada para duplicar temas que xa fan os traballadores públicos, as cantidades que demandamos son xustificadas e viables”, aclarou, insistindo en que levan 6 anos sen negociacións e con represión para os representantes sindicais, con ameazas veladas e expedientes.