Novas

En Marea pide ao Goberno que colabore na mellora da conservación de Santa Eulalia de Bóveda co 1,5% cultural

Santa Eulalia de Boveda

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, salienta a importanza deste monumento (séculos III-IV) único no estado e en Europa que conserva pinturas romanas muráis. “Precisa unha maior protección, está afectado pola humidade”

Madrid, 5 de setembro de 2017. O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso para demandarlle ao Goberno que coopere na mellora da conservación dun monumento único: Santa Eulalia de Bóveda (séculos III-IV) co 1,5% Cultural.

Fernán Vello que visitou en varias ocasións “esta xoia monumental única no estado e en Europa, tanto pola súa beleza arquitectónica, a súa armonía como pola rica pintural mural romana que decora as paredes con escenas de aves”, considera que precisa dunha maior proteción debido á afectación da humidade, “algo que se pode comprobar ao ver o avanzo do verdín no chán e nas paredes o que supón unha seria ameaza para a conservación dun monumento destas características”.

Poderían destinarse fondos do 1,5% Cultural

O deputado de En Marea explica na súa iniciativa parlamentar ao Goberno a relevancia deste monumento que en 1985 foi declarado Ben de Interese Cultural, e menciona brevemente as diversas teorías sobre a súa funcionalidade primixenia: templo pagano adicado á deusa Cibeles ou a outros deuses, edificio romano adicado á curación ou a baños posto que conta cunha piscina no centro flanqueada por columnas, edificio romano adicado ao culto cristiano ou incluso apostas de investigadores en relación a unha función funeraria. “Sexa como for, o seu altísimo valor é indubidábel”.

Máis, lamenta, a súa proteción é dificiente. “As dúas fiestras da portada e a mesma porta composta dun arco considerado o máis antigo da península ibérica, permiten a filtración da auga da choiva, son elementos de permeabilidade”. Fernán Vello enfatiza que “existe un preocupante problema de humidade que non se abordou coa intensidade que se debería. Sabemos que hai elementos ou materiais que manexan expertos na materia que poderían mellorar o mantemento deste importante legado”.

En aras a procurar a correspondente colaboración financeira, Fernán Vello alude ao programa do 1,5% Cultural, en base ao cal se fixeron moitas actuacións de rehabilitación do patrimonio. Ademáis, resalta, para ser perceptor do 1,5% debe ser BIC, requisito que cumpre Santa Eulalia de Bóveda.

Razón pola que o deputado de En Marea formula unha batería de preguntas ao Goberno para saber que disposición tería a destinar fondos do 1,5% Cultural á mellora da conservación deste monumento. “Recibiu nalgunha ocasión solicitudes da Xunta ou do concello para obter cooperación financiera? Vai o Ministerio de Cultura a interesarse polo estado de conservación de Santa Eulalia dado o seu carácter excepcional?”.

Download (PDF, 1.42MB)