Novas

En Marea pide explicacións ao Goberno pola subida de prezos na liña de tren entre Ferrol e Coruña

photo5872965897646353203

Yolanda Díaz insta ao Ministerio de Fomento a concretar cando se van iniciar os estudios da actuación no by-pass de Betanzos.
Madrid, 10 de xaneiro de 2017. A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, ven de presentar no Congreso dos Deputados unha batería de preguntas para coñecer cales son as previsións do Goberno relativas á tan anunciada actuación no by-pass de Betanzos, toda vez que o Ministerio de Fomento desbotou a idea de levar a cabo unha actuación seria na modernización e adecuación da liña ferroviaria centenaria que une Ferrol e A Coruña, tal e como xa anunciara na Comisión de Fomento do Congreso, o Secretario Xeral de Infraestruturas, Manuel Niño, o pasado mes de decembro.

Yolanda Díaz volveu manifestar hoxe que o Partido Popular de Mariano Rajoy continúa a amosar un total desprezo pola cidadanía de Ferrolterra, e segue a presupostar, exercicio tras exercicio, partidas para levar a cabo actuacións nesta liña ferroviaria, que nunca se acaban executando.
Lembra Yolanda Díaz a mobilización social e política da comarca desde hai máis dun ano, e incluso a declaración institucional feita polos alcaldes da comarca esixindo unha actuación de mellora real e efectiva nesta liña.
A deputada de En Marea, denuncia, asemesmo, o forte incremento nas tarifas que vén de aplicar Renfe no traxecto de tren entre A Coruña e Ferrol, unha subida que non ten xustificación ningunha, xa que as frecuencias son as mesmas, o tempo de duración do traxecto tamén, e seguen a aumentar os retrasos día tras día. Por este motivo, Yolanda Díaz pide explicacións ao Ministerio de Fomento, xa que esta suba supón, sen dúbida, un forte agravio para a cidadanía de Ferrolterra.
Na iniciativa rexistrada hoxe no Congreso, En Marea tamén solicita información sobre o custe do estudio de viabilidade do by-pass de Betanzos anunciado no Congreso, así como sobre a previsión do Goberno para o inicio do estudio informativo desta actuación.
Finalmente, a deputada de En Marea pregunta ao Ministerio de Fomento polas previsións orzamentarias do seu departamento nos PXE2018 para actuacións nesta liña ferroviaria e insiste en saber se neste ano o Goberno levará a cabo algún tipo de mellora na mesma.