Novas

En Marea pide a Fomento que cumpra as iniciativas de En Marea aprobadas no Congreso para arranxar estradas como a N-540

photo5834616516912458645

 
O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, denuncia os reiterados incumprimentos de Fomento que “mantén as estradas N-540, N-547 ou a A-6 en situación de abandono e deterioro. Non fai os investimentos que nos di que vai facer. É unha estafa”
Madrid, 15 de marzo 2018. O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, diríxese, máis unha vez, ao Ministerio de Fomento para esixirlle que “proceda a cumprir a proposición non de lei de En Marea aprobada en xuño do ano pasado para que leve a cabo a reforma e rehabilitación da N-540, especialmente nos tramos situados entre Chantada e Taboada”.
Nesta liña, Fernán Vello lembra as numerosas iniciativas de En Marea presentadas, respostadas ou debatidas e aprobadas na Cámara Baixa sobre estradas de titularidade estatal en moi mal estado no territorio de Lugo”. Alude á N-540, á N-547 ou á A-6, sen esquecer o labor feito en relación ás estradas que atravesan A Mariña (N-634, N-642 ou N-640). O portavoz de En Marea amosa o seu malestar pola “deixación, a pasividade e a inactividade de Fomento en relación ás infraestruturas viarias de Lugo”.
“A Fomento dalle igual que algunhas das nosas estradas figuren entre as máis perigosas do estado en Informes como o da Asociación Española da Estrada que situaba a Galiza entre as cinco CC.AA co firme en pior estado. Sinalaba que 35 de 28 viais están en pésimas condicións, entre elas a N-540”, afirma Fernán Vello.
A N-547 e a A-6. “Fomento mira para outro lado”
O voceiro de En Marea insta a Fomento a cumprir canto antes “a nosa proposición aprobada no Congreso sobre a mellora da N-540” e a facer os investimentos suficientes e necesarios na N-547. Explica que “desde a rotonda de Palas de Rei e durante seis quilómetros que van entre a rotonda que da acceso á autovía até o quilómetro 40,5 da N-547, é onde se sitúan os maiores problemas”. Denuncia que hai que conducir por unha estrada chea de baches, socavóns e firme desgastado o que dificulta incluso a distinción da sinalización horizontal.
En canto á A-6, Fernán Vello pon de manifesto que “no último ano dirixímonos a Fomento en varias ocasións como cando en maio do pasado ano sucedía o accidente mortal en Becerreá no que faleceu unha moza ao impactar contra as biondas da estrada”. Preguntamos polo estado das biondas e se Fomento abriu unha investigación e fai inspecións habituais. Ademáis, puntualiza, “sempre chamamos a atención sobre o lamentábel estado de mantemento do firme da A-6 en diversos tramos como os situados entre O Ceao e Parga e á altura de Outeiro de Rei. Calzadas que parecen remendos de baches e socavóns, e que constitúen un serio perigo para a condución”.
De igual xeito, pedimos en sucesivas ocasións melloras da A-6 en Vega de Valcarce, en Baralla ou na comarca da Montaña. “É unha autovía moi transitada e parece mintira que Fomento a teña nestas condicións.
O voceiro de En Marea conmina a Fomento a tomarse en serio os investimentos en mantemento en infraestruturas viarias do estado. “Vostedes recurtaron nos últimos anos nesta materia e continúan igual como se non lles importase a seguridade na condución. Estamos a falar de seguridade vial, de garantías para os conductores e as conductoras, non de poñer bonitas as estradas”. Fernán Vello lamenta que o Ministerio mire para outro lado “cando se trata das necesidades de Lugo en materia de infraestruturas”. E enfatiza que En Marea continuará a traballar para lograr a mellora de todas elas.

 

Download (PDF, 128KB)

Download (PDF, 117KB)

Download (PDF, 97KB)